O dos asfaltados en Pontecesures solicitados á Xunta quédase en nada.
Os concellos de Pontecesures, Caldas de Reis, Moraña e Portas presentaron unha solicitude ao abeiro da Orde de Vicepresidencia e Consellería de Administracións Públicas e Xustiza publicada o 09/08/13 para a execución de infraestruturas de uso público adicadas aos concellos.
O goberno local, a través da concellería de obras e urbanismo, anunciounos a «bombo e platillo» que foran incluídas 12 actuacións de asfaltados en camiños e rúas municipais (rúa Mimosas, pista Cortinallas, o Telleiro, rúa Otero Acevedo, etc..) por importe de 57.500 euros dos que tiña que achegar o concello 11.500 euros.
O goberno local de Pontecesures enviou os planos e os orzamentos das doce actuacións ao Concello de Caldas de Reis, que foi o que se encargou de solicitar a tramitación conxunta logo de agrupar nun proxecto as obras dos catro concellos. Teño que facer unha primeira crítica xa que solicitei consultar o proxecto na Casa do Concello de Pontecesures, e o alcalde, sorprendentemente, contestoume o 7 de outubro pasado que tiña que ir consultalo ao Concello de Caldas, algo insólito pois nesa data o documento xa estaba na nosa casa do concello. Estas son as formas que ten o goberno municipal de tratar aos concelleiros da oposición.
A pesar de que se daba por segura a concesión da subvención por parte da administración autonómica, iso non sucedeu. Pero o grave non é a denegación, o grave foi que a solicitude non foi sequera admitida a trámite pois non se cumpriron os requisitos da convocatoria, xa que os 57.500 euros era a cantidade máxima que se podía solicitar en total, e non 57.500 euros cada un dos catro concellos. Ademais, non se podían incluir asfaltados por considerarse que son ocasionados para reparar fochas en vías públicas (artigo 2 da Orde).
Estamos ante un ridículo espantoso pois sen interpretar ben a orde, (deben consultarse sempre as dúbidas á administración autonómica), tirase para adiante cunha tramitación absurda e perdendo o tempo os traballadores e os gobernantes dos catro concellos. E para isto temos tres concelleiros cobrando una dedicación exclusiva en Pontecesures.
Por se fora pouco convocouse para o pasado día 21 de novembro unha comisión informativa de facenda no Concello de Pontecesures para tratar da modificación orzamentaria co fin de habilitar o crédito de 11.500 euros e afrontar a achega municipal destas obras. A sesión era ás 13:00 horas, pero sobre as 10:30 horas chegou ao concello un fax comunicando a non admisión a trámite da solicitude. En lugar de desconvocar a sesión avisando aos integrantes da suspensión da mesma (non había outros puntos para tratar) e aforrar os cartos pola asistencia á sesión dos concelleiros, celebrouse para dicir que xa non había nada que tratar. E deste xeito gástanse os cartos de dita asistencia á sesión. Unha total descoordinación e desbaraxuste do goberno local. Lamentable.
Pontecesures, 30/11/13
Luis Ángel Sabariz Rolán
Concelleiro da ACP Pontecesures
2 comentarios
Tiroliro II · 2-12-2013 a las 18:07
O que faltaba, en que mans estamos,
la_hormiguilla · 3-12-2013 a las 09:22
A ver si el concejal de obras lo pregona a golpe de bombo y platillo como lo hizo anteriormente.