Cando traballar é unha festa.
En Valga saben como facer que traballo e festa vaian da man. Que llo digan ás ducias de ??labregos? que onte faenaron a pleno sol na finca de Loncras, en Ferreirós, animados polas muiñeiras de ??Airiños de Valga? e polos bailes dos rapaces máis saltaríns. Todos acabaron con bo sabor de boca. Pola faena ben feita, pero tamén polos chourizos, as sardiñas e o queixo que axudaron a facer máis levadeiro o traballo.
A sega do trigo reuniu a preto dun cento de rapaces, boa parte deles participantes nas actividades de verán ??Valga Lúdica e Saudable? e outros que habitualmente non residen na vila pero que están a pasar nela as vacacións. En Loncras xuntáronse con integrantes dos colectivos A Eira, Asdivalu, mulleres rurais e os maiores de Axentiva, que levaron a batuta na recolecta do cereal, explicándolles aos máis pequenos esta tradición agraria. Un dos que exerceu como mestre foi José do Rato, que aos seus 96 anos non dubidou en botarlle a man ao trigo para facer unha demostración de como se usa o atillo, un pequeno artiluxio de madeira para facilitar o atado dos monllos. Estes gardaranse baixo cuberto no colexio Xesús Ferro Couselo de Cordeiro ata que comece o curso escolar e chegue o momento da malla, un paso máis no proceso de transformación do trigo, que continuará depois coa moenda do gran e rematará cun serán no que dar boa conta dos produtos elaborados con este cereal. Esta xa é a sexta edición dos Encontros Interxeracionais, organizados polo Concello de Valga.
Distintas xeracións.
A sega, que o ano pasado coincidiu no mes de agosto, adiantouse nesta ocasión porque ??o trigo xa estaba maduro?. Recollelo resultou traballoso de máis, explicaban os entendidos nestes cultivos, porque moitas herbas medraron á par do trigo e foi necesario retiralas coidadosamente coa axuda de fouciños ou, simplemente, coas mans. Pero o traballo paga a pena cando serve para unir a distintas xeracións. ??Isto é unha marabilla, precioso. Tiña que fomentarse moito máis do que se fai?, era un comentario estendido.
Diario de Arousa
0 comentarios