Unha festa pola defensa do galego.
Centos de rapaces participaron onte das distintas actividades do Correlingua.
O Correlingua desembarcou na cidade do Lérez acompañado dun bo número de alumnos de diversos centros da comarca coa firme convicción de poñer en valor a nosa lingua. A prol do galego, os cativos brincaron, correron, e xogaron nunha multitudinaria festa que rematou coa entrega de libros en galego a todos as escolas. Na Praza da Ferrería unha charanga e un dragón daban a benvida aos nenos que lucían pancartas feitas por eles mesmos con frases que animaban a gozar do tempo libre en galego porque ?mola máis?, espetaban a quen lle preguntaba. Unha vez que xa estaban todos concentrados na Ferrería, deuse o pistolezao de saída á marcha. Centos de rapaces recorreron o casco urbán pontevedrés, cunha ampla sonrisa no rostro, animando aos peóns a que falen sempre en galego.
Entrega de libros
Ao volverse reunir no centro neurálxico do Correlingua, un representante do colexio de Pontecesures leu o mellor manifesto pola defensa da nosa lingua. Un discurso que mereceu o premio Correlingua 2015. Antes de recibir o saúdo do alcalde da capital, os cativos quedaron abraiados co marchoso ritmo de Bocinazo, cunha canción, como non, en prol do galego. A cita contou por suposto con actividades lúdicas moi diversas dirixidas a divertir aos participantes, nas que a música e o humor non faltaron. Como colofón do acto soltáronse unha morea de globos baixo unha atronadora ovación e dos cánticos: o galego, a nosa creación. Antes disto, representantes das librerías locais fixeron entrega, como xa é tradición, a cada un dos centros educativos participantes dun lote de libros en lingua galega.
La Voz de Galicia
0 comentarios