Josefa Blanco en Santiago: «Santa Rita é a mellor festa para vender rosquillas».

Publicado por Redacción en

jblan

Seguindo os pasos da súa familia, leva dúas décadas levando doces caseiros por romarías de toda Galicia.

Van daquí para alá, levando as receitas de sempre de festa en festa. A eles tócalles levar o azucre ata as portas das igrexas cando o santoral manda e poñer o sabor máis doce ás romarías. A súa tamén é un das facianas anónimas que agocha o crebacabezas das 1001 caras de Compostela.

Josefa Blanco ten 52 anos e leva desde os 20 percorrendo festexos coas rosquillas ás costas. Onte tiña cita na porta de San Roque. O seu marido, a outra metade do negocio, foi para a parroquia de Sar. «Sempre imos os dous xuntos, pero hoxe (por onte) coincidiron as dúas festas e dividímonos», conta. Veñen de Valga e a noite anterior estiveron metidos na cociña facendo doces. «En Santiago, a xente prefire o produto caseiro», confesa Josefa mentres sinala unha cesta chea de rosquillas. As clientas saen da misa e páranse a preguntar. Proban o que lles ofrece a rosquilleira e, pouco a pouco, van baleirando o posto. A ducia custa tres euros. Os paquetes que lles envían da confitería valen o mesmo, pero as que se fan na casa sempre teñen máis éxito. Segredo ten máis ben pouco, pero Josefa prefire non variar a receita que sempre fixo súa nai: ovo, manteiga, azucre, anís, sal e levadura.

«O día vai bastante regular. A San Roque non ven moita xente. Imos a moitas, pero Santa Rita é a mellor festa para vender rosquillas, engade Josefa. Celébrase cada 22 de maio na igrexa do Santo Agostiño e, como atrae moito público de Compostela e comarca a tendeira sáelle máis rendible. En xornadas como a de onte, se a cousa vai ben, saca uns ingresos de cen euros máis ou menos. Santiago é un dos concellos máis económicos e, para poñer o posto, bástalle con abonar cinco euros. A cantidade inclúe a autorización para a venda ambulante e o seguro de responsabilidade civil. O esforzo compensa porque, con crise ou sen ela, é difícil que alguén resista a tentación. Eso sí, nas festas gastronómicas o asunto cambia e poucos son os que mercan doces.

«O das rosquillas é unha axuda. Nós non vivimos disto», continúa. Ela e o seu marido tamén rexentan un negocio de arranxo de calzado en Poantecesures. Seguindo os pasos da familia de Josefa, as fins de semana percorren Galicia coa súa furgoneta vendendo doces. Aínda que a súa avoa e despois a súa nai eran caras ben coñecidas nas vilas galegas, á rosquilleira parécelle pouco probable que os seus fillos, de 30 e 32 anos, manteñan o negocio. «Teñen os seus traballos, véxoo moi difícil, pero nunca se sabe».

El Correo Galego


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.