«Neste deporte hai que terlles cariño aos animais, e tomalo con calma».
O cesureño vén de facerse co subcampionato de España de Sprint en Terra na categoría xuvenil na súa primeira tempada no mundo do canicrós. O seu soño, chegar a disputar algún día un Mundial.
José Miguéns González (14/8/1999) e o seu can Sultán estreábanse hai unha semana nun Campionato de España de Canicrós. Tras iniciarse na práctica deste deporte en decembro do 2014, o cesureño e o seu compañeiro, un alaskano dun ano, facíanse coa prata júnior na cita de sprint en terra, o mesmo metal que colleitaba na categoría Elite o seu compañeiro e mentor no club catoirense de nova creación Kennel Del ?scar Piñeiro. Unha nova mostra do potencial dun rapaz que nuns 3 meses de competición se subíu aos podios de seis das oito probas nas que participou, algunhas en categoría sénior.
-¿Como chega ao canicrós un rapaz de 15 anos e dunha localidade como Pontecesures sen tradición nun deporte minoritario entre os deportes minoritarios?
-Eu non sabía deste deporte. Entereime de que había unha muller de Catoira -Mónica Touriño- que practicaba canicrós, e busqueina en internet. Vin vídeos dela e meu pai falou con ela. Quedamos de ir un sábado a probar a adestrar con eles en Pontevedra. E gustoume. Gústanme os animais, e a idea de correr acompañado cun animal.
-? de imaxinar que o de se pór a correr atado a un can causaría estrañeza entre familia e amigos…
-Si. Porque é un deporte que inda non se coñece. Preguntáronme en que consistía. Pareceulles ben.
-Unha cousa é ver as carreiras, e outra moi diferente disputalas. ¿Comezar a competir cambioulle a imaxe do canicrós?
-Non é o mesmo adestrar ca competir. Non é o mesmo correr cos teus compañeiros, que facelo con 200 rivais. Gústame moito competir, ver outros cans, estar en contacto coa xente, aprender cousas do coidado do can…
-¿Como lembra o seu debú?
-Foi moi emocionante. Saímos a dalo todo, e fumos terceiros absolutos nunha Popular en Boimorto.
-¿Como se prepara un deportista para en menos dun ano facerse co subcampionato de España?
-Comezou a adestrarme ?scar Piñeiro, e a base do traballar con el. Os adestramentos con Mónica tamén me axudaron.
-¿A quen lle recomendaría practicar o canicrós, e por que?
-Se che gustan os animais e facer deporte, podes facer un equipo entre dous.
-¿Hai que ter algunha calidade especial para este deporte?
-Terlle cariño aos animais. E tomalo con calma. Corres cun animal. Terá carreiras boas e carreiras malas. Non podes abusar del.
-¿Que lle gustaría ser de maior no canicrós?
-Gustaríame ir ao Campionato do Mundo. E antes ao de Europa e subirme ao podio.
-¿Ten xa algún gran referente, ou inda é demasiado pronto?
-Teño os meus compañeiros, Mónica e ?scar, dous corredores moi fortes a nivel nacional. Son dous profesionais. Levan moito tempo correndo.
La Voz de Galicia
0 comentarios