«O GES de Padrón está entre os de máis intervencións porque estamos nunha zona de moito movemento».

Publicado por Redacción en

seco

José Carlos Seco Santos (Padrón, 1975) está ao fronte do servizo de Protección Civil da capital do Sar dende que se fundou, no ano 1995, e do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) dende o seu inicio, hai tres anos. O GES de Padrón é un dos que atende máis actuacións de toda Galicia.

-¿Está sendo un ano de moito traballo para o servizo?

-? moi similar o ano pasado, con máis de 750 intervencións polo de agora.

-Está entre os servizos de emerxencias con máis intervencións de Galicia, ¿a que o atribúe?

-Posiblemente, a que estamos nunha zona na que temos un movemento de tráfico moi importante. Hai varios polígonos industriais e estamos situados nunha zona de paso para moitos cidadáns. E no verán somos un punto de enlace coa costa. Nesta zona tamén temos vías de comunicación moi transitadas.

-Primeiro Protección Civil e agora o GES son servizos plenamente integrados na vida da comarca. ¿Son tamén imprescindibles?

-Claro que si. Se estes servizos non existisen, ¿quen ía atender todas as intervencións que nos facemos? ¿Como se atenderían todos os eventos deportivos e culturais da comarca que a día de hoxe demandan a nosa presenza? ¿Como se lle daría unha resposta os veciños da comarca en caso dunha emerxencia? Os parques de bombeiros máis próximos son os de Boiro e Santiago e teñen un área de intervención moi grande. Ademais, o seu tempo de resposta vai ser moi alto comparado con ter un servizo de emerxencias na propia comarca.

-¿Ten o GES medios suficientes ou precisaría dalgún en concreto?

-Nestes servizos de emerxencias todos os medios que veñan son benvidos. Agora mesmo a carencia máis importante que temos é a dun camión autobomba con capacidade para moita auga, xa que solo dispoñemos dun vehículo con 800 litros e dunha pick-up para incendios forestais con 500. E tamén precisamos renovar outros medios que xa están moi gastados ou, practicamente, son case inoperativos.

-Tamén se fan cargo de retirar niños de avespa asiática. ¿Hai moita presenza na comarca?

-Este ano levamos algo máis de 50 avisos. Para poder atendelos, a Xunta dotounos con tres traxes especiais e a semana pasada facilitounos unha pértega para poder tratar os niños máis altos.

-No Sar tamén se fan cargo da extinción dos lumes forestais, ¿foi un verán duro?

-Non en especial, tivemos un par de semanas con varios lumes, pero non foi como os veráns de anos anteriores.

-Tamén teñen que asumir tarefas de limpeza de terreos públicos. ¿Afecta negativamente ese traballo ás condicións do persoal para afrontar posibles intervencións?

-Temos que facer unha serie de desbroces de acordo co convenio e hai que ter en conta que, en moitas ocasións, tardase en poder dar unha resposta a unha emerxencia, xa que o persoal ten que cambiarse e recoller o material de desbroce e logo ir a atender a emerxencia.

-Hai tempo incorporaron unha unidade canina. ¿Teñen previsto algunha especialización máis?

-A unidade canina foi presentada o ano pasado, no vinte aniversario de Protección Civil. Andase a voltas cunha unidade de salvamento e rescate acuático.

La Voz de Galicia


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.