As oliveiras de Iria, «únicas» polo seu protagonismo literario.

Publicado por Redacción en

As oliveiras centenarias do cemiterio de Adina, na parroquia de Iria-Flavia, en Padrón, das que o grupo independente denuncia o seu «aspecto preocupante», teñen un gran protagonismo literario. Así, non so chamaron a atención de Rosalía de Castro. «Outros viñeron despois da escritora que se detiveron diante das oliveiras», destaca o presidente da fundación rosaliana, Anxo Angueira.

«Fíxoo Ramón Cabanillas en máis dunha paráfrase e Otero Pedrayo nun artigo titulado As uliveiras de Iria», engade. Tamén o fixo Camilo José Cela, que mesmo se quixo enterrar ao pe dunha delas. Así, Anxo Angueira explica que Rosalía de Castro incidiu, nos seus versos, na antigüidade das árbores de modo que, «se en 1880 eran consideradas vellas, hoxe poden terse por varias veces centenarias», afirma. Para Otero Pedrayo, «son as oliveiras dos cemiterios símbolo da paz, da piedade e da lembranza». Pero, para Anxo Angueira, de todas as existentes en Galicia, as de Adina son «únicas, ningunhas coma elas conmovidas e lembradoiras».

O responsable da institución rosaliana explica, ademais, que «a presenza protagonista» das oliveiras nos versos de Rosalía é unha mostra, xunto con outros poemas nos que aparecen árbores, das «posicións pioneiramente ecolóxicas e conservacionistas» da escritora. Neste senso, Anxo Angueira lembra que ten un texto, titulado El Domingo de Ramos, de 1881, no que critica «o chapodar, a tala vandálica e agresiva», especialmente nas oliveiras e nos loureiros.

Para o presidente da Fundación Rosalía de Castro, hai monumentos de pedra e «hai auténticos monumentos vexetais», coma as oliveiras de Iria. «Se preservamos a igrexa de Santa María, se coidamos dos sartegos e das lápidas gremiais do cemiterio, tamén temos que coidar destas árbores», asegura. Neste senso, apunta que as oliveiras, coma todas as árbores, non son eternas, pero aínda así, «se respectamos o patrimonio, é responsabilidade nosa coidalas e mantelas o mellor posible para que duran e permanezan», di. O presidente da Fundación Rosalía de Castro conclúe que «as petrucias oliveiras de Adina, que xa son un emblema en Padrón e en toda a terra de Iria, representan esa memoria de Otero Pedrayo, memoria de Rosalía e de Galicia, que gardan desde as raíces ás pólas, no seu vello corpo de séculos».´

La Voz de Galicia


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.