Campionato Autonómico Infantil hoxe no Grove, e semifinal mundial para Morison.
A padexeira da Náutico Pontecesures foi onte segunda da súa serie na primeira xornada da Copa de Belgrado.
O treito delimitado entre a ponte da Toxa e o espigón de abrigo do porto do Grove serve hoxe de pista do Campionato de Galicia de Infantís Individual. Unha cita co Breogán do Grove coma anfitrión e organizador xunto coa Federación Galega de Piragüismo, e que dirime tamén a trixésimo primeira edición do Trofeo Concello do Grove de Piragüismo. Con 338 padexeiros de 37 clubs inscritos de partida, o 10 % deles coa licra do Náutico Pontecesures (35).
A proba, sobre 3.000 metros, comezará ás 11 coa saída do K-1 Muller Infantil B. Ás 11.30 será a quenda da canoa Infantil B, tanto masculina coma feminina, e as 12 do Home K-1 Infantil B. Os padexeiros infantís A comezarán ás 12.30, coas mulleres kaiakistas, cos canoístas competindo desde as 13 horas, e concluíndo ás 13.30 os kaiakistas masculinos.
No outro extremo de Europa, en Belgrado, a padexeira do Náutico Pontecesures Camila Aldana Morison Rey debutou na terceira Copa do Mundo de Pista da tempada cunha notable actuación na segunda das tres series de clasificación para a final do K-2 500. Coa súa compañeira de selección española Laia Pelachs a arousá empregou 1 minuto, 46 segundos e 320 milésimas. A un mundo, 3,692 segundos, da parella alemana formada por Franziska Weber e por Tina Dietze, que se fixeron coa única praza en xogo para a final de mañá, pero cun segundo de vantaxe sobre as terceiras, as canadianas Natalie Davison e Alanna Bary-Lougheed.
Morison e Pelach pelexan hoxe (15.31 hora serbia) por unha das tres prazas dispoñibles na segunda e última semifinal do K-2 500.
La Voz de Galicia
0 comentarios