A solta das vaquiñas e o espectáculo cabalar en Vilarello puxeron o broche de ouro á Festa da Xuventude.
O mal sabor de boca de ter sido eliminada a Selección Española de fútbol do Mundial de Rusia sacárono os veciños de Valga coa xa tradicional solta de vaquiñas no recinto pechado da praia de Vilarello. O fútbol retrasou a celebración máis dunha hora, pero os ánimos chegaron cos decibelios ao máximo para que a capea fose entretida tanto para os ??toureiros? como para o público asistente.
A solta de vaquiñas, non exenta de certa polémica nos últimos anos, foi o prato forte dunha xornada marcada pola mala climatoloxía, pero que deixou bo sabor de boca entre os asistentes.
Ademais da capea tamén tivo lugar neste mesmo enclave valgués unha doma de cabalos que tamén levantou aplausos entre os asistentes. Ducias de persoas acudiron a unha cita que leva anos sendo a actividade central da Festa da Xuventude deste municipio do Ulla-Umia.
En todo caso Valga levaba de festa toda a fin de semana. O sábado tiveron lugar as Olimpiadas de Aldea nas que os diferentes lugares e parroquias da localidade se desputaban varios trofeos en xogos puramente tradicionais. O lugar de Casaldeirigo reinou en varias categorías, pero tamén houbo premio para Forno, Vilarello ou Cerneira.
Todos os participantes o deron todo sobre o terreo de xogo marcado na praia de Vilarello, epicentro das celebracións.
Diario de Arousa
0 comentarios