Óscar Gerpe: «Mentres non haxa unha vacina isto non poderá volver a ser o de antes».
Dende finais de marzo, Óscar Gerpe exerce na práctica como coordinador do meirande centro de saúde do norte da provincia. A razón e tan simple coma contundente: a xefa de servizo, a doutora Elvira Sineiro, caeu contaxiada polo coronavirus e aínda se está a recuperar. O peor desta primeira vaga da pandemia semella ter pasado sobre San Roque. «Estamos relativamente tranquilos, porque, como sabes, no Salnés o virus non pegou moi forte». Logo dos casos de infección inicial, con sete sanitarios enfermos, a situación foi remontando. «A xente pórtase ben, vén pouco, non reclama máis do que podemos dar e, grazas a iso, evitamos que o virus se expandise».
As atencións presenciais reducíronse ao mínimo, aínda que se seguen facendo en urxencias e cando os médicos consideran que é preciso. Sempre mellor de xeito telemático e por teléfono; logo será o doutor ou a doutora quen decidan. «Temos un sistema de filtraxe do que se encargan as compañeiras fisioterapeutas, cunha vía para respiratorios e outra para non respiratorios, e os residentes tamén están en primeira liña, apoiados polos titores. Tentamos que os pacientes non anden polas salas de espera, así evitamos que isto se converta nun foco de contaxio. Limpase moito e estamos continuamente desinfectando. Parece efectivo, porque os casos son menos cada vez».
¿Cando volverá ao ambulatorio algo semellante á normalidade? «O peor é cando pase a fase máis aguda; veremos se a xente segue sendo responsable cando se abra a man. Non hai cálculos, pero supoño que en poucas semanas poderemos volver a ter consultas normais de enfermidades crónicas, pero que ninguén pense na masificación de antes, porque vai ser imposible mentres non haxa unha vacina». E os profesionais, ¿están debidamente protexidos? Nisto, o doutor Gerpe é tallante: «A xente non debe preocuparse, porque sempre seguiremos atendéndoa, pero o material non chega; punto».
La Voz de Galicia
1 comentario
Un burro · 27-04-2020 a las 12:16
Pena de toda a borregada dormida, incluidos todos estos grandes expertos que temos, e ollo, todos en posesion da verdade absoluta. Amijiños meus o que vos fala non e unha persona, son un burro que investijou un pouco, e podo decir e recomendar que poñades a vacuna que no mundo somos demasiados e hay que facer sitio… Ide, ide, cantando e bailando dereitiños ó matadero…