Valga acolle un ano máis a tradicional ruta-concurso Tapa a Anguía.
Igual que nas seis edicións anteriores, Valga acollerá un ano máis o roteiro-concurso Tapa a Anguía. Esta actividade é xa unha parte máis da programación da tradicional festa da Anguía e Mostra da Caña do país, como un xeito de promocionar un dos produtos protagonistas e que todos os anos pon á vila no mapa: a anguía. Tamén se busca con esta iniciativa incentivar o consumo nos locais de hostalería do municipio valgués.
Para esta edición xa están escollidos os participantes, que serán seis establecementos da vila: o Café-bar Couceiro, o Bar Juan, a Cafetería Auditorio, a Pastelería Caprichos, o Café-bar O Pontellón máis o Bar Pardal. A ruta concurso consiste nunha degustación de tapas de anguía, que posteriormente se someterán a votación tanto poular como por un xurado profesional, e os locais que resulten gañadores recibirán os Mandís de Ouro, Prata e Bronce. Asemade, o xurado escollerá unha tapa que se poderá desgutar na festa da Anguía do 2021.
Será o concello o encargado de levar o animal, xa limpo, aos diversos establecementos para que poidan elaborar as tapas. Ademais, só por votar, os asistentes entrarán automáticamente nun sorteo de dez vales de 30€ para gastar nun comercio local.
A ruta-concurso Tapa a anguía deste ano levarase a cabo as dúas últimas fins de semana de agosto, os días 22, 23, 29 e 30. Os petiscos serviranse de balde entre as 12.00 e as 15.00 horas, e os sábados tamén pola tarde de 20.00 a 23.00 horas.
El Correo Gallego
0 comentarios