Andrés Quintá e a Pulpería de Alfonso Mambís presentes na Festa do Pemento de Herbón.
A localidade coruñesa recuperou con ganas a súa festa máis saborosa despois de dous anos de ausencia
Ásombra dunha carballeira situada á beira do convento franciscano e do río Ulla e con pementos de Herbón no prato, acompañados de cachelos e pan de millo. Que mellor plan pode haber para o primeiro sábado de agosto? Sabíano ben os que neste día elixiron esta opción e asistiron á Festa do Pemento de Herbón, no concello coruñés de Padrón, que alcanzou a edición número 42 e se volveu celebrar tras dous anos de suspensión pola pandemia. Había ganas da festa, declarada de interese turístico, e de pementos de Herbón, tal e como quedou demostrado pola asistencia de público, pero tamén pola boa organización por parte dos veciños da parroquia xa que esta é, quizais, máis que outras, unha festa do pobo. Así, os produtores contribuíron aportando «moitos pementos e de calidade», tal e como sinalou o presidente da comisión organizadora, Alejandro Ferro, pero tamén o fixeron participando masivamente na procesión agrícola motorizada, que estivo formada por 25 tractores.
A previsión era servir unhas 4.000 racións de pementos de Herbón, os auténticos, eses que teñen firmes defensores e consumidores como o pregoeiro desta edición, o recoñecido cociñeiro Yayo Daporta, quen animou a seguir defendendo o pemento de Herbón ante as imitacións. «Ten que estar sempre por riba de todos os demais», dixo. Daporta loou a calidade e a excepcionalidade do produto, pero tamén o traballo de quen o cultiva e dixo que ese labor «fai mellor o traballo dos cociñeiros». O pregoeiro asegurou que baixo o nome de pemento de Padrón hai moitos en todas as partes e mencionou Cambados, Murcia ou Marruecos, pero «o auténtico é o de Herbón», proclamou entre os aplausos do público. Outros defensores presentes na festa foron o coronel Francisco Javier Jambrina e o empresario Andrés Quintá, ademais do propio presentador do acto, o locutor de Radio Valga Héctor Bermúdez.
Á par que a lectura do pregón e a entrega dos premios aos tractores mellor engalanados, as tixolas xa estaban fritindo os pementos ante a atenta mirada de moitos ollos, entre eles os de turistas e peregrinos, aos que gusta especialmente a festa do pemento de Herbón. E se o prato de pementos con cachelos e pan de millo se facía pouco, tamén había pulpería, a de Alfonso Mambís, e mesmo rosquillas e xeados para o postre.
La Voz de Galicia
0 comentarios