BNG e PSdeG-PSOE acordan gobernar Pontecesures en coalición.

Publicado por Redacción en

A nacionalista Maite Tocino contará desta forma con 6 edís

Tres horas. Ese foi o tempo que lles levou aos representantes do BNG e do PSdeG-PSOE completar e asinar na tarde deste sábado o pacto d goberno co que se comprometen a xestionar xuntos o Concello de Pontecesures os vindeiros catro anos. Un acordo en liña coa histórica colaboración mantida polas dúas formacións de esquerdas ao longo do presente século na localidade do Baixo Ulla. Sen ir máis lonxe, durante os anos 2015 e 2016 coa nacionalista Cecilia Tarela como alcaldesa, ata que o seu entón terceiro socio de goberno, a TEGA de Ángel Souto Cordo, optou por cambiar de socios, virando o tripartito cara a dereita co popular Vidal Seage á fronte e Maribel Castro, de Independientes de Pontecesures, como a outra pata indispensable.

Foi a terceira xuntanza de traballo BNG-PSOE desde as eleccións do 28M. Unha reunión baixo o punto de partida do compromiso, nada máis coñecerse os resultados das municipais, dos socialistas liderados por Roque Araújo de apoiar cos seus dous concelleiros a cabeza de cartel do Bloque, Maite Tocino, como nova rexedora na súa condición de lideresa da forza progresista máis votada, con catro edís, un menos cós cinco de Seage (PP).

Cinco son os obxectivos comúns plasmados no pacto de goberno asinado por Tocino e polo responsable local do BNG cesureño, Alberto Rivas, e polos dous concelleiros do PSOE, Araújo e Conchi Gómez: mellorar a calidade de vida dos cidadáns do concello, fomentar a creación de emprego e promover políticas de desenvolvemento económico sostible, garantir a igualdade de oportunidades dos veciños, protexer e preservar o medio ambiente local e fortalecer a participación cidadá nos asuntos do municipio e da súa administración.

Reparto de áreas

Respecto á composición do goberno, despexada de antemán a titularidade da Alcaldía, o PSdeG xestionará a primeira tenencia de alcaldía e as concellerías de Promoción Económica e Emprego e Servizos Sociais, estas dúas últimas áreas, xestionadas polos socialistas no seu anterior paso polo goberno local, no que tamén levaban Deportes. A segunda tenencia de alcaldía e o resto das concellerías correrán a cargo do BNG.

A, desde o vindeiro sábado, día 17, futura alcaldesa de Pontecesures, Maite Tocino, amosa a súa satisfacción polo acordo acadado co PSOE: «Estamos en sintonía nos proxectos. Para concretalos, hai que agardar a entrar no Concello e coñecer a súa situación real».

La Voz de Galicia


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.