Anxo Rei, elixido mandatario local de Padrón.
Garantiu que mellorará a calidade de vida da veciñanza
Anxo Rei Arca co bastón de mando acompañado por membros da súa lista.
Anxo Rei Arca converteuse no segundo alcalde socialista do municipio dende a restauración da democracia hai case medio século e despois de que o PSdeG gañase as eleccións municipais. No pleno de constitución da Corporación da duodécima lexislatura, Anxo Arca recibiu o apoio dos seis edís do PSdeG e da representante do BNG, poñendo fin así a doce anos de goberno do Partido Popular.
O PSdeG-PSOE e BNG chegaron a un acordo de investidura e continuarán as negociacións os vindeiros días de cara a un posible pacto de goberno. Anxo Arca liderou a lista máis votada nas pasadas eleccións municipais, celebradas o 28 de maio, ao conseguir 2.002 votos, 151 máis que o Partido Popular (1.851 votos) e máis do triplo que o BNG (614), os tres partidos que obtiveron representación na Corporación, con 6, 6 e 1 edil, respectivamente. Dende as primeiras eleccións municipais celebradas en 1979, Padrón só tivo un alcalde socialista, cando Camilo Forján liderou un goberno de coalición entre 2007 e 2011.
Na súa intervención nun salón de plenos cheo de xente, Anxo Arca destacou “o meu inmenso agradecemento a toda a cidadanía padronesa que, co seu voto, posibilitou a apertura desta nova etapa” e tamén tivo palabras de recoñecemento para o goberno saínte, desexándolle o mellor ao seu predecesor, Antonio Fernández.
A nivel executivo, adiantou que «poremos en marcha un novo proxecto deseñado para mellorar a calidade de vida de todas e todos vos. Pídovos confianza e un pouco de paciencia porque lamentablemente as cousas importantes non se conseguen con rapidez”, insistiu Rei Arca. “Son moi consciente da enorme responsabilidade que acabo de asumir”, continuaba, antes de engadir: “Non pararei ata conseguir que todas e todos vos sintades aínda máis orgullosos ser parte deste fermoso pobo que é Padrón”.
El Correo Gallego
0 comentarios