José Andrés, o home que creou unha canteira de futbolistas en Valga.
O que fora fundador do Cordeiro CF no ano 1969 faleceu este xoves
O29 de febreiro é ese día raro que só aparece cada catro anos. O deste 2024 quedará marcado a lume na memoria da familia do fútbol de Valga: foi a xornada na que faleceu José Andrés Castro, o que durante 42 anos foi o presidente do Cordeiro C.F. A súa xente —a súa muller, os seus catro fillos, os seus cinco netos, a súa bisneta— chorouno no tanatorio da súa vila natal, arroupada por tantas e tantas persoas que acudiron a se despedir dun home para o que «o fútbol era a súa paixón»; «que se formaran nenos era o que máis ilusión lle facía, e que os chamaran de equipos grandes era o máximo», segundo recorda a súa filla. José Andrés foi un dos fundadores do Cordeiro CF. Foi no ano 1969 cando o club comezou a funcionar e el ocupou, xa no ano seguinte, a presidencia. Ía permanecer á fronte do barco ata o ano 2012, cando se retirou. Era un deses presidentes que estaban para todo, disposto a facer medrar o club e as súas instalacións a base de traballo e máis traballo.
Polo demais, a súa vida profesional tamén estivo moi centrada na xente: rexentaba, canda o seu irmán, a ferretería Hermanos Castro Figueira, en Pontecesures.
La Voz de Galicia
0 comentarios