Eliseu Mera, director do IES VAlga: «A confianza pais-profesores estase perdendo»
O director do IES de Valga defende a igualdade de oportunidades na educación e alerta da deriva da convivencia na comunidade escolar.
Eliseu Mera é titulado no Grao Profesional de Guitarra e no Grao Superior de Canto, ademais de catedrático de Música. Licenciado en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, dispón tamén do Bachellor of Arts in Communication, equivalente a un grao superior español, pola University of Glamorgan, a actual University of South Wales. O Máster en Artes Escénicas da Universidade de Vigo completa o seu currículo de titulacións.
O director do IES Plurilingüe de Valga traballa desde hai tres anos na súa tese de doutoramento en Teoría da Literatura pola Facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo, cun estudo sobre a relación entre Rosalía de Castro e a música, baixo a dirección de Anxo Angueira.
Leva desde os 6 anos estudando a música e, camiño dos 50, niso segue no medio da tarefa titánica de xestionar o día a día dun instituto de Secundaria e de FP con 393 alumnos que, xunto a un grupo de compañeiros, se empeñou en mudar para facer real a premisa de que a educación debe ser igual para todos. Mentres prepara unha tese doutoral sobre a relación de Rosalía de Castro e a música e pelexa por un conservatorio profesional no seo do seu instituto que complemente o centro superior da localidade, Eliseu Mera (Ramirás, 1976) dirixe o IES Plurilingüe de Valga coa mente aberta e a visión crítica de quen combinou estudos superiores musicais e dous títulos universitarios de Xornalismo e de Comunicación, en Santiago e en Gales. Activista da pluralidade dunha sociedade, lamenta, cada vez máis alporizada e polarizada, afánase xunto ao claustro do centro en tratar de vacinar os seus estudantes contra o sectarismo a través do uso responsable das novas tecnoloxías.
No 2001 Mera sacou, á primeira, as oposicións a profesor de Música en Secundaria, poñendo fin á súa breve experiencia na comunicación. Hai sete anos chegou a Valga, desempeñando pronto cargos executivos e asumindo a dirección do instituto no 2020. Escoitándoo, máis que a un cargo de prestixio social, Mera semella atado aos doce traballos de Hércules: «O traballo de director nunca acaba. Son incontables as horas que se botan en atender cada cousa que hai: compras de material, matrículas, seguimento de alumnos que se forman en empresas, xestión do persoal, chamadas da consellería preguntando por programas en marcha, alumnos con problemas de conduta, familias que veñen falar coa dirección, atención a casos de malos tratos, de risco de suicidio, de rapaces en risco de exclusión… Ás veces salta a alarma do instituto ás tres da mañá e tes que ir aló». E todo, impartindo ademais a súa materia, con sete horas de clase semanais. «A función da dirección debera estar profesionalizada, cun corpo específico de directores, como o de inspectores», defende Mera.
Con todo, no debe do cargo non está tanto a carga enumerada como o cariz dos conflitos que os cambios sociais e tecnolóxicos están a xerar nas aulas: «Cando un menor ten un móbil e se conecta ás redes sociais sen ningún tipo de filtro, non ten capacidade de valorar o que ten base real. Desde o centro participamos en programas de fomento do uso crítico das novas tecnoloxías entre os nosos alumnos e facemos fincapé na necesidade de que as familias controlen o uso que fan os seus fillos do móbil».
Neste punto, Mera pon o foco nun segundo problema na educación que hoxe ameaza con situarse ao nivel do mal uso que os estudantes poidan facer das novas tecnoloxías; o que fan destas algúns pais: «Hai un problema cos famosos grupos de WhatsApp das familias, nos que acaba levando a voz cantante o máis crítico, porque hoxe está mal visto defender o profesor. Chégannos comentarios de familias de cousas que reciben por WhatsApp ou por Facebook que nunca sucederon ou que están manipuladas. A confianza que debera haber entre a comunidade educativa estase perdendo. A presunción de inocencia non existe, os profesores somos culpables. Iso é negativo, sobre todo para os alumnos, porque se lles introduce ruído». E dío quen viviu a amarga experiencia de topar na rúa cunha nai acompañada do seu fillo berrándolle ao seu director, algo impensable ata hai non moito. «Téñenme dito: ‘‘Eu teño que defender o meu fillo» Pero de quen? Nós estamos para axudar. Se sucede calquera cousa o que temos que facer é falar, intercambiar pareceres e elaborar unha estratexia para o ben do alumno», explica Mera.
O director fala dun estado de cousas que avanzou progresivamente, pero que se acelerou desde hai uns tres anos. Máis que pola pandemia, opina, «por unha cuestión xeracional das familias». O xornalista que tamén hai nel, o cidadán que segue con atención a actualidade subscrito a varios medios de comunicación, debuxa unha sociedade na que «hai un sectarismo en todos os ámbitos ideolóxicos que non había hai 20 anos; hai menos puntos de diálogo porque as redes fomentan nichos, e mesmo guetos ideolóxicos que impermeabilizan as persoas ante outras opinións sobre o mundo. Iso preocúpame moito», polo que reivindica «unha maior concienciación da xente de que a información é unha cousa seria; hai que informarse a través dos medios tradicionais e rigorosos e non facer caso ao primeiro falabarato que difunde noticias falsas».
Entre tanto motivo de desánimo, que é o que leva a Eliseu Mera a seguir adiante? Ver que mellorar a educación é posible: «No 2020 un grupo de profesores que compartimos que os alumnos do rural e con menos recursos deben ter as mesmas oportunidades co resto quixemos implementar novas liñas de traballo no centro, potenciando as ensinanzas STEM (científico-técnicas) e con métodos inclusivos que respecten o ritmo de todos os alumnos. E iso —conta— está dando os seus froitos».
- Unha paixón de toda a vida. Eliseu Mera non recorda a vida sen música. Na foto, aparece con catro anos na casa dos seus avós maternos, en Allariz, tocando a guitarra dun dos seus tíos.
- Titulacións. Eliseu Mera é titulado no Grao Profesional de Guitarra e no Grao Superior de Canto, ademais de catedrático de Música. Licenciado en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, dispón tamén do Bachellor of Arts in Communication, equivalente a un grao superior español, pola University of Glamorgan, a actual University of South Wales. O Máster en Artes Escénicas da Universidade de Vigo completa o seu currículo de titulacións.
- En proxecto. O director do IES Plurilingüe de Valga traballa desde hai tres anos na súa tese de doutoramento en Teoría da Literatura pola Facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo, cun estudo sobre a relación entre Rosalía de Castro e a música, baixo a dirección de Anxo Angueira.
La Voz de Galicia
0 comentarios