Resposta ao goberno local de Pontecesures sobre a reixa do Camiño Portugués en Condide.
Sobre ás 9 da mañá do luns 27 de agosto un veciño infórmoume da deficiencia dicindo que foran colocadas unhas ponlas no oco para advertir do perigo, e sobre as 18 horas visitei o camiño e tomeu a fotografía no lugar. Quedei realmente alarmado polo perigo e a primeira hora do martes 28 de agosto enviei un escrito á Xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo xuntando a fotografía do día 27 e pregando o arranxo inmediato. Iso foi o que fixen pois a obriga que teño como concelleiro é preocuparme por este tipo de cousas. ¿Non pode ser que os técnicos do Xacobeo viñeran o día 28 de agosto, porque a primeira hora dese día tiñan coñecemento do escrito que enviei?
Parece que lle molesta ao goberno local que estea interesado en que sexan subsanadas as deficiencias, que faga xestións diante dos organismos competentes para que se arranxen estes temas en beneficio de todos, que se fagan tarefas de fiscalización, que informe os veciños da desidia na xestión municipal, etc…Nesta ocasión, na que nin sequera culpei ao goberno local de nada, nin o citei nin no escrito nin na prensa, arremeten contra min chamándome mintireiro e manipulador. Incrible que un goberno serio insinúe que eu “fabriquei” a fotografía, retirando una reixa adrede. Isto é gravísimo pois case intúese que podería provocar un accidente. Errarei moitas veces, farei a oposición mellor ou peor segundo o xuizo de cada quen, pero toda a xente sabe que eu non sería quen de provocar unha deficiencia para facer unha foto (coas deficiencias que temos no municipio, pódense facer moreas de fotografías en moitos sitios).
En fin; que ademais de seren un goberno apático e ineficaz, tamén vexo que actúa con desesperación para disfrazar a súa falla de iniciativas. Pois que traballen, que teñen todo o municipio abandonado, a pesar de que tres dos seus integrantes perciben un salario que pagamos todos.



