A V Ruta de Tapas da Matanza superou a choiva: fin de semana «intenso» e «estresante» nas cocinas de Cesures
A V Ruta de Tapas da Matanza superou este fin de semana a choiva e deu a Pontecesures unha nova xornada de tapeo, un ano despois de quedarse sen ruta en 2025 por falta de persoal na hostalaría. Este ano tanto o Concello como os negocios puxeron da súa parte para sacar adiante a edición, que dinamiza a economía local na tempada baixa grazas a unha costume popular arraigada na vila como é a matanza do porco. Os locais participantes aseguran que a iniciativa foi todo un éxito, aínda que cualifican o fin de semana como «intenso» e «estresante» nas cocinas.
De seis locais participantes, a gran maioría confirmou o éxito do tapeo — a excepción foi A Palmeira, na rúa Redondo. «No noso caso non foi tan ben como esperábamos, unha porque o tempo non acompañou e dous porque xusto o noso local non está no medio do pobo. Estamos máis lonxe e iso xoga na nosa contra», contaba a responsable do establecemento, que compara a afluencia co Tapea Lamprea celebrado en marzo: «Tivemos máis xente esa fin de semana, sen dúbida».
Nos locais do centro a resposta foi moi distinta. Desde o Bar Choco, na praza dos Valeiros, o persoal estaba «estresadísimo» — onte ao mediodía estaban cheos, igual que o restaurante Almara: «Nós rematamos as tapas 15 minutos antes de acabar o turno. Calculo que repartimos sobre 120 ou 130 en todo o fin de semana, pero tendo en conta que só traballamos ao mediodía», contaban os seus responsables, convencidos de que incluso podería chegar máis xente se o tempo acompañase máis.
Foi a quinta edición dunha ruta que, aínda que saíu adiante con sensación de éxito, segue a ter problemas de participación. «Este ano uniémonos só para apoiar e para que se puidese celebrar, pero ofrecemos tapas o sábado porque o domingo temos moita xente para comidas e non nos queríamos meter en tapas», declaran desde o Bar Mambís.
Fuente: Diario de Arousa — Fátima Pérez, 15/11/2026