Ir ao contido
Pontecesures.net dende 2005
Cultura

A feira saboreou o reto de Credencial Gastro: catro tapas para adiviñar os produtos con selo de calidade de Galicia

Por Plumilla ·

Pontecesures converteuse onte venres nun escaparate da gastronomía galega coa celebración da segunda convocatoria de Credencial Gastro, a iniciativa do programa O teu Xacobeo coa colaboración da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) que anunciamos esta semana. A feira semanal acolleu a numerosos veciños e tamén a algún peregrino que se sumou á degustación gratuíta para poñer a proba os seus coñecementos sobre os produtos galegos.

O funcionamento era sinxelo pero esixía prestar atención aos ingredientes: cada participante recibía a súa credencial e debía identificar os tres produtos con selo de calidade alimentaria que se agochaban en cada unha das catro tapas preparadas para a ocasión. Estas foron as elaboracións:

  • Tapa de carne: unha croqueta elaborada con Lacón Gallego, Grelos de Galicia e Queixo San Simón da Costa, todos eles amparados polas súas indicacións xeográficas protexidas e denominación de orixe protexida.
  • Tapa doce: peras ao mencía da DOP Ribeira Sacra, acompañadas de migas de pan crocante e mel — unha elaboración na que intervenían outros dous produtos recoñecidos: o Pan de Cea (IGP) e a Mel de Galicia (IGP).
  • Tapa de peixe: fabas con Faba de Lourenzá (IGP), algas amparadas polo selo do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) e aceite de Artesanía Alimentaria.
  • Tapa vexetal: unha milfolla de pataca con queixo Tetilla e castañas, que reunía tres produtos emblemáticos da despensa galega: a Pataca de Galicia, o Queixo Tetilla (DOP) e a Castaña de Galicia.

Ademais de disfrutar das elaboracións, os asistentes tiveron a oportunidade de demostrar os seus coñecementos sobre a orixe e a identificación dos alimentos. Quen acertou os selos de calidade das tapas da súa credencial recibiu diferentes agasallos: minitartas de Santiago, tazas, bolsas de tea, barallas de cartas, botes de mel e marmelada. O recoñecemento máis destacado foi para unha das participantes, que resultou agraciada cun lote de produtos galegos amparados por selos de calidade.

Credencial Gastro utiliza así a gastronomía como vehículo para divulgar a riqueza agroalimentaria galega e achegar ao consumidor a importancia dos distintivos que garantizan a orixe, as características e a calidade diferenciada de numerosos alimentos.

Fuente: Faro de Vigo (Manuel Méndez)

Máis sobre isto

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.