A asociación San Roque de Porto, ven de facer pùblico que queda suspendida a Festa da Xuventude que se ía celebrar o venres, 16 de abril, por mor do falecemento de Mon Picafolla. Os seus veciños queren mostrar así a súa dor por tan triste perda de un home que tanto traballou polas festas do San Roque.
Campionato de truco no pub Vértigo de Pontecesures.
Será o venres, 16 de abril, a partires das 22:00 horas. A cota de inscrición é de 40 euros por parella, cun máximo de 32. Non hai data límite de inscrición e hai que chamar ao 646/849943.
Os premios serán os seguintes:
1º-800 euros e trofeo
2º-280 euros e trofeo
3º-200 euros e trofeo
No caso de que haxa menos de 32 parellas haberá unha reducción proporcional na contía dos premios.
Campionato de truco no bar Tregua de Pontecesures.
O venres 16 do mes que andamos, celebrarase un campionato de truco no café bar Tregua, situado na Avda. de Arousa 16 de Pontecesures (estrada autonómica Pontecesures-Vilagarcía).
O prexo de inscrición é de 40 euros por parellas, e os premios son os seguintes:
1º-650 euros
2º-450 euros
3º-250 euros
4º-100 euros
Os premios están calculados para unha participación de 36 parellas.
Inscricións: 986/556581 ou 666/668002
Texto íntegro do escrito a Portos solicitando que a ampliación das ramplas leve pedra e adoquín.
Sr. D. Manuel Álvarez-Campana Gallo
Presidente de Portos de Galicia
Dende hai unhas semanas se están a realizar unha serie de obras no porto de Pontecesures por parte dese organismo para acondicionar e ampliar cinco ramplas de embarque co obxecto de facilitar o uso das mesmas. En concreto se amplian (con escalóns ou seguindo a pendente) para que cheguen ao leito do río e así na baixamar sexan perfectamente utilizables.
As obras se están a realizar, pero comprobamos que a prolongación das ramplas, de 6, 8 ou 10 metros lineais, aproximadamente, vai en formigón, cando as actuais teñen pedra no lateral e adoquíns ata o remate das mesmas. Consideramos que vai contra a estética e resulta realmente unha mágoa mesturar agora as pedras e adoquíns co formigón nos aumentos. Este porto histórico, o fluvial máis importante de Galicia, que foi declarado Porto Xacobeo recentemente e que ten relevancia incluso monumental (lembremos que a ponte romana medieval interprovincial, ben cultural de especial protección, está ao seu carón) merece que a ampliación das ramplas sexa realizada cos mesmos materiais que teñen as instalacións actuais. Alguns veciños xa nos trasladaron a queixa neste concello.
Polo exposto, solicítase que se den as instrucción oportunas, para que as ramplas se rematen con pedras e adoquíns para que sexan uniformes e non se de unha certa impresión de remendo que non beneficia, dende logo, ás institucións.
Nesta actuación do porto de Pontecesures, tamén está prevista a limpeza da marxe (é un noiro de pedra) onde crece moita maleza. Consideramos que sería moi positivo que nalgunhas zonas se prolongara o noiro de pedra encintada para evitar o rápido crecemento da vexetación. Por exemplo isto sería fundamental entre dúas ramplas (a do Club Náutico e a que está preto da piscina), porque resulta preocupante que os piragüistas ao embarcar ou desembarcar das piraguas, se atopen coa maleza practicamente diante.
Pontecesures, 10 de abril de 2010
Luis Ángel Sabariz Rolán
Concelleiro de relacións institucionais de Pontecesures.


