Premio para a Banda de Valga no Certame de Santiago.

Apenas conta con dez anos de vida pero este non é nin moito menos o seu primeiro premio, senón que a súa curta pero gran traxectoria xa está avalada por utors galardóns previos, entre eles o logrado este mesmo ano no Certame Zonal de Bandas, onde acadou o primeiro posto. Tamén foron os mellores os músicos valgueses o domingo no Certame Galego de Santiago. Acadaron o máximo galardón na Sección Primeira (de 70 a 80 músicos) cun repertorio formado por un pasodoble inicial de presentación que non puntuaba, a peza “Irmandiños” de Juan Fernández Guzmán e a obra de libre elección “Marco Polo e a ruta da seda”, da que o director, Manuel Villar, comenta que “é eminentemente descriptiva da viaxe de Marco Polo cara a Oriente”. Para conseguir un resultado óptimo, a agrupación tivo que utilizar “unha serie de instrumentos étnicos que non tiñamos”, así como outros de percusión e vento e aí foi onde a banda logrou a apoio máximo do concello que invirteu varios miles de euros na adquisición dese material. O esforzo non foi en vano xa que serviron para sumar un novo éxito ao historial da banda de Valga.
Os seus integrantes comezaron a traballar nesta peza inspirada en Marco Polo no verán, durante a campaña musical que realizaron en Badaxoz. “Aí foi onde se fixo o traballo duro, para descifrar a partitura e que os rapaces comezaran a interpretala” explica Manuel Villar, que asegura que o primeiro posto no Certame Galego de Bandas “é para nós un agasallo, un premio ao esforzo a ao traballo, e sobre todo, á calidade que estamos a conseguir na Escola de Música Municipal”. Non se esquece o director da importancia que ten tamén a tarefa da equipa de profesores, o factor humano e a responsabilidade “de todos”: pais, alumnos e de propio concello “que sempre nos apoia”.
Alude tamén á xuventude da banda, que se creou hai dez anos. Poucos poderían pensar entón que chegaría a acadar este nivel. “Para nós, como banda xove que somos é un orgullo e unha enorme responsabilidade que nos dean este premio. Se botamos a vista atrás, non hai bandas deste calibre e con tan poucos anos de vida que leven gañado tantos premios”. Porque non é a primeira vez que esta agrupación consegue un éxito no Certame Galego de Bandas, xa que hai dous anos conseguiu o primeiro premio na Sección Segunda.

“Arousa, un mar de cultura”. DIARIO DE AROUSA, 06/12/09

Manolo Isorna: “A prevención pasa por reducir a demanda de droga, e tamén a oferta”.

Isorna

Coordinador do programa de prevención das drogodependencias nos concellos de Catoira, Dodro, Padrón, Pontecesures, Rois e Valga.

Doutor en Psicoloxía, valora positivamente o traballo feito nestes anos para previr o consumo pese ao «fácil e barato» que é conseguir estupefacientes, segundo advirte

Dende outubro de 1996, os concellos do Sar e do Baixo Ulla traballan xuntos para financiar, co apoio da Xunta, un programa pioneiro para previr o consumo de drogas e fomentar hábitos de vida saudables entre a súa poboación, con sede no municipio de Catoira. Transcorreu tempo suficiente como para que o coordinador do plan, Manuel Isorna Folgar (Catoira, 1969), doutor en Psicoloxía, máster en prevención pola Universidade de Santiago e profesor asociado da de Vigo, aporte unha valoración do traballo e dos resultados.
-¿Cal é a valoración?
-Positiva. O que conseguimos nestes anos é de admirar e así o demostra que é un programa de referencia, dentro e fóra de Galicia. Acabo de impartir unha conferencia para a consellería de Sanidade de Cataluña e en breve irei a Córdoba. Isto indica que estamos a facer as cousas relativamente ben e, ademais, ao amparo de métodos científicos.
-¿E que di dos resultados?
-Hai que valoralos dende varios puntos de vista. Por un lado o impacto, é dicir, o número de persoas que acaban formándose e neste sentido chegamos ao 100% de alumnos e de pais. Todas as actividades chegan a todos os centros educativos dos seis concellos, dende nivel Infantil a Secundaria. Por outro lado, tamén valoramos se realmente conseguimos o obxectivo inicial de reducir o consumo de drogas e tres evaluacións externas, feitas pola Universidade de Santiago, así o indican polo que podemos asegurar que os mozos das dúas comarcas consumen menos drogas, fuman menos e se emborrachan menos. A nivel de pais, o 100% ten información do que se esta a facer. Pero o éxito tamén se debe en gran medida a involucración do profesorado, que colabora e cede as súa horas para que poidamos impartir entre 8 e 10 sesións anuais en todos os cursos, dende quinto de Primaria a cuarto de Secundaria. O seu apoio é clave, xunto co das traballadoras sociais, as educadoras familiares e os Concellos, que apostan fortemente pola prevención.
-¿Como xurdiu este programa?
-Foi en 1996, debido a alarma social xerada polo consumo de heroína. Dende os Concellos, as traballadoras sociais apuntaron a necesidade de tomar medidas e, co apoio do antigo comisionado do Plan Galicia sobre Drogas, déronse os primeiros pasos porque a clave está na prevención.
-O seu traballo desenvólvese practicamente nas aulas. ¿Os estudantes de hoxe en día quedarán asociados ao botellón?
-Moitos si, lamentablemente, Non teñen culpa de nada pero son vítimas dun sistema que practicamente normativiza o consumo de drogas e hai moito que facer. A prevención non só é redución do consumo, da demanda, senón tamén da oferta e aí é onde estamos fallando polo que programas eficaces como este non acaban sendo eficientes de todo porque é fácil e moi barato acceder as drogas. ? necesario que as autoridades se tomen en serio a loita para reducir a oferta porque temos a droga máis barata de Europa. Se houbera unha redución da oferta, o efecto do noso traballo multiplicaríase por dous ou tres. Por iso, debemos conseguir que o acceso a droga sexa máis complicado».
-Os pais, ¿participan activamente no programa?
-Ese é, quizais, un dos problemas que temos pese a que tamén é unha das clave da prevención. O éxito do programa pasa porque o traballo da aula sexa complementado e ratificado polos pais no ámbito da casa.

LA VOZ DE GALICIA, 06/12/09

“Na pintura eu aprendo tanto dos meus mestres coma dos meus alumnos”.

A valguesa Ángeles Garrido expón parte da súa obra pictórica de inicios autodidactas no Consistorio da vila.

Ángeles Garido comezou a súa andaina na pintura de maneira autodidacta hai xa máis dunha década. Logo comeza a súa formación profesional na Escola Obradoiro Porto Piñeiro de Valga, entón na especialidade de canteiría. Logo de rematar a escola, realizou un curso de debuxo para modelado financiado polo programa Líder da UE. No ano 2002 ademáis, inicia a súa andaina empresarial como xerente de Siamn, Servizo de Intervención Artística no Medio Natural, Fora no 99 cando, como alumna no Obradoiro de pintura e modelado Adeval, inicia formalmente os seus estudos de pintura.
Dende que dera ese salto artístico cara á creación de cadros, expuxo xa en máis dunha treintena de ocasións, contadas dende 2002, data na que se estreara na Casa do Concello de Pontecesures. Tamén nese mesmo ano iniciou o seu taballo como monitora de pintura nos colexios de Baño e Ferro Couselo.

¿Como xurde a idea desta última exposición, que se pode visitar xa no Concello de Valga?
Pois nace a partir da miña tarefa como monitora nos colexios da zona. Un pouco sae a raíz diso, para que a xente, o público poda coñecer un pouco a miña pintura tras o contacto con nenos aos que ensino.

¿Como define, pois, esta pintura?
Tecnicamente, nesta ocasión, son óleos sobre lenzos. En canto á temática, pois é variada: Hai figuras, xarras e incluso mariñas e paisaxes. De todo un pouco.

¿Hai algún emprazamento que resulte coñecido na comarca?
Sí, alomenos un. Amoso alí unha imaxe do río Ulla.

¿Son obxectos e paisaxes estrictamente figurativos?
Nesta mostra en concreto sí, son todas imaxes figurativas, non hai nada abstracto.

¿Pero vostede cultivou nalgunha ocasión o abstracto?
Sí, sobre todo agora. Nos comezos durante moito tempo, non me atrevía. En contra do que moita xente cre, facer un cadro abstracto non é sinxelo, non é botar un pouco de pintura nun lenzo. Agora traballo un pouco máis coa abstracción, aínda que tamén sigo moito coa pintura realista, que é a que se pode contemplar nesta exposición de Valga.

¿Practica algunha outra modalidade pictórica?
Bueno, tamén fixen incursións no surrealismo e si, efectivamente, probei un pouco todos os conceptos desta arte.

En canto a ritmo de traballo, ¿canto pode empregar na elaboración dun cadro?
Pois depende moito comezando xa só polo tamaño. Como mínimo podería dicir que emprego un mes e de aí, pois ata hai obras que requiren un ano ou máis. O que ocorre é que eu opino que tamén influe moito o que che fala e pide a obra que tes diante.

Iniciouse vostede coma escultora….
Asi é. Comecei nesta vertente artística, aínda que por motivos persoais a abndonei logo e troqueina pola pintura.

E ¿con cal das dúas artes desfruta máis?
Penso que non son comparables. Teñen moito en común pero difiren tamén en moito, a escultura é mais dura, por exemplo..

¿Como comezou neste mundo da pintura?
Empecei de forma autodidacta, pero logo bueno, vin que había aquí en Valga unha escola e iso animoume a recibir formación alí.

Agora é vostede a que da clases…
Sí, pero para min é tan importante dar clases coma recibilas. Por iso me dan aínda clases, e non está de máis realcionarse con outros pintores para que me sigan ensinando. E por suposto, aprendo moito tamén dos nenos aos que dou clases e compañeiros. Eu creo que na pintura aprendes tamén do contacto coa xente.

“Arousa, un mar de cultura”. DIARIO DE AROUSA 06/12/09

A oficina de emprego de Vilagarcía cita ás 5 candidatas ao posto de limpadora.

Trátase dunha contratación subvencionada pola Consellería de Traballo a cargo dos programas de fomento de emprego 2009.
Logo de presentarse a oferta de emprego, a oficina de Vilagarcía citou ás seguintes persoas:

Beatriz Lamas Blanco
Eva Mª Fernández Prol
Mª Carmen Dieste Nera
Avelina Cordo Carril
Margarita Vieites Seoane

A entrevista ante o tribunal do concello será o venres 11 de decembro, ás 10:30 horas.