A igrexa do convento de Herbón acolle un concerto de Nadal.

A igrexa do convento franciscano de Herbón, no concello de Padrón, acolle o próximo sábado, a partir das oito da tarde, a terceira edición do Concerto de Nadal que organiza a Asociación Sementar. Nesta ocasión, a actuación corre a cargo do Coro da Rá, pertencente a escola de música Estudio de Santiago de Compostela. No seu repertorio, interpretado por voces masculinas e femininas, mestura estilos do máis variado.
Como ven sendo habitual en todos os concertos celebrados ata o momento por Sementar na igrexa do convento de Herbón, o do sábado tamén é gratis. Con esta actividade, a asociación que ten a súa sede no mosteiro padronés pretende atraer público a un espazo, a igrexa do convento, que demostra ano tras ano ser susceptible de acoller eventos de tipo cultural e musical.
Coa do sábado, é a terceira actuación que acolle no que vai de ano a igrexa do convento franciscano, despois de que o programa de Espazos Sonoros da Consellería de Cultura trouxera a Herbón os concertos de Silva de Sons, cos bailaríns Eva Narejos e Juan Jesús García e do prestixioso frautista barroco Wilbert Hazelzet.

LA VOZ DE GALICIA, 15/12/10

Festival de corales en Padrón.

O ámbito artístico e cultural de Padrón ábrese nun amplo abano que abarca diversas facetas e, en tal sentido, prácenos sinalar hoxe aquí o caso da Coral Polifónica Padronesa e quizais un tanto en desagravio polo pouco que ás veces son consideradas estas agrupacións por algún sector do público .

Esta coral á que estamos a referirnos xa ten a súa historia. Foi fundada na Sociedade Cultural Padronesa segundo nos informa o seu presidente, Manuel Bascoy Blanco, que leva á súa fronte dende o ano 2004, por un grupo de socios nos comezos do 1987, tendo dende entón brillantes actuacións ademais de en numerosas cidades galegas, en León, Madrid, Asturias, Portugal, Noirmoutier (Francia), etc.

Co presidente Manolo Bascoy, un total de 36 coristas completan esta formación que dirixe o profesor Santiago López Blanco coa filosofía de manter un grupo de amigos e loitar gozando coa música e as súas intervencións con outras corais para achegar os seus froitos en pro do nivel musical e cultural en xeral da capital do Sar .

No contido da súa habitual programación abránxanse diversos xéneros de música: clásica, relixiosa, popular, habaneras e especial atención a obras galegas,entre elas varios temas de Rosalía de Castro.

Para o vindeiro día 27 do actual organiza un festival concerto na honra a Santa Cecilia no auditorio municipal padronés no que intervirán a Coral de Grado (Asturias), o Orfeón do Barco (Ourense), Coro de Santa Susana de Santiago de Compostela e, por suposto, a Polifónica Padronesa, coral organizadora.
Un concerto que como cada ano para festexar a Patrona dos músicos se celebra sempre no medio de grande interese sobre todo polos entusiastas amantes da música e do canto, e en cuxa homenaxe a patroa Santa Cecilia estará tamén moi presente, que dúbida cabe, a banda Municipal de Música, asemade a outra Coral padronesa que integran os maiores ou da Terceira Idade, polo que a xornada do próximo día 27 suma alicientes aumentando o interese do público.

José Castro Cajaraville (Padrón)
TIERRAS DE SANTIAGO, 16/11/10

Arousano en su rincón: Xenaro Barreiro Ferro.

Xenaro Barreiro, ao pé da Casa Vella apoiado nun pequeno monolito agasallo da súa fiel clientela.

«Logo do Carnaval de Río e do San Fermín a Romaría Pagana será a festa máis importante»

O dono da Casa Vella de Valga rexenta un local que «non está ao alcance de calquera» e ao que soña levar á ministra de Defensa

«A min gustábame a educación. Penso que sería un bo mestre de escola. Pero xa me quedei aquí», na Casa Vella, a taberna que se atopa xirando á esquerda na recta valguesa de Campaña nada máis pasar a defunta fábrica de Novo y Sierra dirección Pontecesures. Unha anécdota da vida quixo apartar a Xenaro Barreiro da súa vocación cando cursaba o COU, permitindo o nacemento dun dos locais con máis personalidade en quilómetros á redonda. Unha taberna que «é a miña vida», explica Xenaro, e na que hoxe ve como os fillos vinteañeiros dos seus primeiros clientes toman o relevo dos pais mentres se prepara para celebrar no verán 2011 tres décadas de historia dun local que, presume, «non está ao alcance de calquera».
«Un día con 20 anos fumos levar a un irmán meu a un campamento a Cangas. Ía cun amigo e co meu pai, e paramos nun bar de por alá que había nunha casa vella. Meu pai díxonos que el tiña en Campaña unha casa vella, de pedra, e por que non montabamos un local nela».
De churrasquería pronto quedou en taberna por unha simple cuestión de rendabilidade, con Xenaro xa sen socio. Só á fronte do barco, non tardou en destaparse coma un adiantado ao seu tempo. Comezando polas actuacións en directo que nas noites dos veráns ofrecía xa nos anos 80 baixo as parras da entrada da Casa Vella, moito antes de que xurdise a moda dunha oferta hoxe ordinaria nos pubs da zona.
Pioneiro do friquismo
«Aquí fumos pioneiros», di Xenaro, e en máis dunha iniciativa. Como a de darlle o micro a personaxes friquis. «Cando inda só había as dúas cadeas de Televisión Española nós traiamos friquis a cantar. Moncho de Bandín, Paco de Boqueixón, Simón de Lestrove… Eles pensaban que eran profesionais. Sesito Arosa cantaba moi ben» lembra cunha pinga de sorna benévola.
O friquismo foi morrendo na oferta da Casa Vella, mentres gañaba peso a música de grupos e de cantantes da zona. «Aquí viñeron os Heredeiros da Crus cando comezaban a tocar». E un bo día a Barreiro se lle ocorreu que podía pasar das actuacións esporádicas a un ciclo permanente. Chamoulle Música a pé de campo, e sucedeuse durante tres anos, ata que no 2007 «no Concello deixaron de darme permiso para os concertos, «parece que pola denuncia dun veciño», di sen moito convencemento. «Aquí veu de todo, desde dúos verbeneiros ata música electrónica, rock ou pop».
Pero se por algo é coñecida a Casa Vella fóra da súa fiel clientela é pola Romaría Vikinga, que se celebra cada segundo venres de xullo. «Iamos facer o segundo ano do local, e uns rapaces de Padrón que tiñan un grupo de pop, Zeltia, ofrecéronse a facer un concerto con outro grupo. Ao ano seguinte repetiron, pero despois desapareceron. Entón, como non había cartos, comezamos cos gaiteiros, e a partir de aí mantívose esa dinámica, gaiteiros e mexillóns» de balde para os asistentes.
Bautizada Pagana «poque non tiñamos un santo», a Romaría de xullo é cualificada por Xenaro como «marabillosa». Ata o punto de que «logo do Carnaval de Río e do San Fermín de Pamplona será a festa máis importante que hai», di con humor da terra.
«Comezamos a festa coa caída da noite, e ata que rompe o día. Polo medio, «festa anárquica», na que á música dos gaiteiros sucédelle a entrada en acción dun dj xa entrada a madrugada. De esconxuro da queimada, nin rastro. Paganismo relativista. Cousas de ser único e indivisible.
Pregoeiros de luxo, e gratis
O que si hai é lectura de pregón. Pero aquí non vale calquera. Antón Reixa, o sociólogo Miguel Cancio, o teólogo Xosé Chao Rego ou os actores Isabel e Carlos Blanco son algúns dos nomes ilustres que desde mediados dos anos 90 abriron a Romaría Pagana da Casa Vella sen máis interese co de aceptar a invitación á propia festa. Un engadido que chegou grazas aos contactos de «un colega que se leva moi ben coa xente da farándula». Ata o punto de conseguir hai non tanto o teléfono da mediática e polémica Nuria Bermúdez, coñecida polos seus supostos escarceos con xogadores do Real Madrid e pola súa relación co futbolita Dani Güiza. «Pero non houbo acordo», lembra, como tampouco o houbo no seu día con Cañita Brava. O problema en ambos casos, que os dous «pedían cartos».
Con tal nómina de pregoeiros «para manter o nivel, manda c…». O soño de Xenaro Barreiro, «que viñera ler o pregón Carme Chacón», a ministra de Defensa. «Encántame esa muller. Estou por escribirlle para que veña. Pero bueno, non vai vir nunca», comenta resignado.
Sostén Barreiro que, como no caso do pregoeiro, non todo o mundo vale para ser cliente da Casa Vella. «Isto ou che gusta, ou non che gusta. Non hai termo medio. Un tipo que vén de primeiras aquí síntese aillado ao principio, porque o ambiente está moi definido. ? como no antigo oeste. Cando chega alguén estraño a xente xa pensa que é a Garda Civil. Se vén que falo co individuo, ben, se non, xa están mirando que coche ten».
«Amigo dos seus amigos», como se define el mesmo a pregunta do xornalista, Xenaro di ter «a mellor clientela do mundo. Temos un ambiente… non sei como explicalo. Non ter a necesidade de estar controlando a quen entra. Xerar a confianza na clientela, e que logo a clientela cho devolva. O tipo que é pillo logo cae. O propio ambiente envólveo, e xa o espulsa. ? estupendo. Calquera que estea aquí nun momento dado se fai falta ponse de camareiro, sen ningún tipo de interese». ? o mundo da Casa Vella.

LA VOZ DE GALICIA, 02/10/10