Con gasóleo e sen gasóleo, a convivencia política en Pontecesures hai tempo que é moi mala. O socialista Gerpe e o independente Sabariz foron socios de goberno co BNG pero, lonxe de crear complicidades, este feito aínda os alonxa máis.
-Vostede incluso chega a falar de odio.
-Os veciños están cansos de escoitar calumnias nos plenos. Resulta triste pensar que a política desapareza do Concello de Pontecesures e que o que está habendo é un resentimento dos que non foron capaces de ter un resultado electoral. Eu pídolle que teñan paciencia, que as eleccións son dentro de menos dun ano. Aí vai haber o verdadeiro xuízo aos gobernantes e á oposición. Cando falo de odio, falo de odio persoal incluso. A política que fai algún concelleiro polas tabernas, de desprestixio e utilizando a difamación, responde a comportamentos políticos psicóticos. Aquí se está instalando a política do non. ¿Que mal pode ter unha escola obradoiro para que se vote en contra? Que me digan se iso é política, ou odio ou resentimento. Eu levo desde o ano 91 no Concello e oito anos na oposición e nunca recordo, e foron tempos duros, un comportamento tan hostil e emporcador como o que hai agora. A algún válelle incluso diferenciarse con actitudes miserables.
-¿De quen fala?
-Da oposición, en xeral.
-Co PP xa nunca se prantexou ningún acordo ou pacto. Con Gerpe e Sabariz si, e non hai tantas semanas ¿aínda cre que é posible un acordo?
-Nunca pensei na posibilidade dos pactos reais. O PP está claramente posicionado; Sabariz ten que gañar, non pode difuminarse, entón ten que ser máis malo co PP; e o PSOE, tampouco. Aquí todos teñen necesidade de ser malos para gañar votos.
-¿O alcalde tamén?
-O alcalde será malo pero desde logo nunca votou en contra de cousas que foran boas para Pontecesures.
LA VOZ DE GALICIA 02/07/06