A sementeira tivo lugar durante a mañá nunha parcela do lugar de Loncras, en Ferreirós.
Como xa vén sendo habitual nos últimos anos, a finca O Pradiño, de Loncras, reuniu onte a ducias de nenos e maiores de Valga para participar na sementeira, coa que se da inicio ao III Festival Interxeracional. Con esta iniciativa o Concello pretende pór en valor o seu patrimonio inmaterial e, ao mesmo tempo, recuperar algunhas das tradicións agrarias da localidade. Integrantes da asociación de maiores Axentiva, a de discapacitados Asmivalu, usuarios do Centro de Día e uns setenta nenos dos colexios de Baño e Cordeiro participaron na actividade, que contou coa animación das pandereteiras de Moldes. A recompensa tralo traballo foi unha opípara merenda a base de produtos da terra.
As vacas Gallarda e Roxa foron as máis madrugadoras e ás sete da mañá xa estaban na finca O Pradiño, de Loncras (Ferreirós) para comezar a tirar do arado de pao e gradar o terreo. As dúas rubias galegas atenderon as ordes do seu amo, ??o ferreiro de Senín?, e abriron os regos na terra e xa tiñan case todo preparado cando chegaron, arredor das once da mañá, integrantes da asociación de maiores, usuarios do Centro de Día e uns setenta escolares dos colexios de Baño e Cordeiro dispostos a sementar, pero seguindo as vellas tradicións agrícolas de Valga e sen botar man de maquinaria en ningún momento.
Os maiores levaron a iniciativa e botáronse á leira con enerxía para ensinar aos máis mozos como se plantaban antano estes cereais. Os nenos pronto se animaron e puxeron o seu grao de area na actividade. Nesta terceira edición do Festival Interxeracional a principal novidade foi a introducción dun novo cereal: o millo. Nas dúas ocasións anteriores unicamente sementaran trigo, pero este ano os organizadores apostaron por ampliar a oferta de actividades e introducir un novo cultivo. O obxectivo é tamén recuperar parte da cultura asociada, como cantigas sobre o millo e outras composicións tradicionais.
A algúns veciños parece que lles gustou a idea de diversificar: ??a ver se despois fan algunha empanada de millo, que che me gusta bastante máis que a de trigo?, comentaba unha muller. Porque o Festival Interxeracional non rematou coa sementeira, senón que nos vindeiros meses celebraranse a recolleita, a malla e a moenda dos cereais, para concluír cun serán no que se degustarán produtos pan, empanadas, doces… feitos co trigo e o millo colleitados.
O proceso explícao unha das participantes, Albina Rodríguez, que recorda á perfección como se traballaba a terra antano: despois de estender esterco para abonar o terreo, labrábase a leira para, a continuación, ??gradar? a parcela. ??As vacas facían o rego e a xente tapaba a semente e aló polos meses de agosto ou setembro recollíase o trigo e atábase en monllos para estendelo ao sol e deixalo secar ata a malla?, lembra Albina.
A xornada de onte estivo animada pola música e as cancións das pandereteiras de Moldes: Maruja, Olga, Nela e Esther, ás que acompañaron varias nenas do colexio Ferro Couselo. E para rematar, nada mellor que unha recompensa polo traballo ben feito en forma de merenda. Nenos e maiores ??puxéronse as botas? a base de chourizos, pan de millo, bolas de pan de trigo, sardiñas e queixo da terra, todo regado por viño do país.
E así, coa barriga chea, marcharon todos do Pradiño, a onde voltarán cara finais do verán para comprobar se o trigo e o millo medraron e proceder á súa recolección. Mentras, non queda máis que agardar que a climatoloxía sexa favorable e non chova en exceso nos vindeiros meses, e tamén que os paxaros sexan respectousos coa colleita xa que, polo momento, espantallo non hai.
DIARIO DE AROUSA, 08/05/09