A “traslatio literaria” chega mañá para unirse ao remonte do río Ulla.
A “Traslatio literaria ” chegará a Vilagarcía mañá a bordo da goleta rusa MIR, na súa última parada antes de acadar o seu destino: Santiago de Compostela. A expedición, na que participan escritores como Rosa Regás, Espido Freire, Juan Manuel de Prada ou Luisa Castro, unirase no seu traxecto final ao tradicional remonte do río Ulla. O Concelleiro de Cultura, Xosé Castro Ratón, presentou onte o programa de actos previsto con motivo da chegada do MIR.
O atraque da goleta ao peirao do Ramal está previsto para as doce do medio día, aínda que unha hora antes, cando o barco comece a enfilar a Illa de Arousa, as regatas do Liceo Casino faranlle un paseo ata chegar ao porto vilagarciano. Segundo indicou, Castro Ratón, este acto é “unha especie de homenaxe do mundo do mar a esta expedición”.
Esta embaixada da paz (MIR significa “paz” en ruso) será recibida por unha parte da Corporación municipal, así como pola banda de música e o grupo Malveiras, que serán os encargados de por a nota festiva ao evento. Ademais, os corenta alcaldes e alcaldesas dos Concellos que forman parte da Ruta Xacobea estarán presentes no peirao do Ramal, facendo patente o nexo de unión entre a Fundación Ruta Xacobea, a “Traslatio” e Vilagarcía como “capital da ruta xacobea marítima”.
O feito de que Vilagarcía se convertera no punto de destino da MIR levou ao Concello a modificar as datas de celebración do remonte do río Ulla para facelo cadrar coa chegada da goleta rusa, de modo que “se lle puidese dar continuidade á peregrinación da MIR”. Unha parte da expedición, que partiu de Valencia o pasado mes, será recibida pola alcaldesa, Dolores García, nas dependencias de Ravella, ata onde chegarán acompañados pola música das agrupacións.
Posteriormente, os rexedores municipais que acudiron a Vilagarcía mais a tripulación do MIR poderán desfrutar dun xantar no Auditorio, organizado pola Dirección Xeral de Turismo e que culminará co remonte do río Ulla.
DIARIO DE AROUSA, 14/08/07
1 comentario
O Rei · 15-08-2007 ás 11:47
Pois sí que hai “MIR” ultimamente na páxina en canto a comentartios…