O son da pandeireta fixo bailar á Virxe da Saúde en Casaldeirigo.
Os trece tocadores comezaron a actuación cunha peza adicada á patroa.
O lugar de Casaldeirigo, no municipio de Valga, celebrou o pasado luns, como cada primeiro de setembro, a súa festa grande: a Virxe da Saúde.
A celebración desta data nace como consecuencia da importante loita á que veciños do lugar se tiveron que enfrontar hai case cen anos, en 1909, contra as tropas francesas. Con tal motivo, a comisión de festexos quixo que a festa deste ano fose algo diferente a edicións pasadas.
Un grupo de veciños do lugar estiveron durante algo máis dun mes adecentando os arredores da Capela da Saúde, na que se venera á Virxe, e, deste xeito, participaron no concurso ??O lugar máis fermoso?, que organizou o Concello con motivo da XX Festa da Anguía e XVIII Mostra da Caña do País, e no que acadaron o segundo posto.
Estrea > Pero esta non foi a única sorpresa deste ano. Xa o anunciaba o cartel das festas: ??ás 20 horas, actuación das pandereteiras de Casaldeirigo?. E como todos os artistas, fixéronse esperar uns minutos. Pero unha vez comezada a actuación, ningún dos moitos asistentes quería marchar do campo da festa.
Os trece tocadores, cuxas idades oscilan entre os 7 e os 87 anos, reuniron a varios familiares, amigos e veciños que incluso se animaron a botar uns bailes, segundo ía trascorrendo a velada musical.
O repertorio repasou pezas moi populares da música galega con outras non tan coñecidas, aínda que o tema estrela da tarde foi o que abriu a súa actuación: unha adaptación que lle quixeron adicar á súa patroa: a Virxe da Saúde.
Pero as tocadoras non estaban soas. Outras veciñas do concello, que tamén andan a voltas coas ferreñas, quixeron asistir á estrea en solitario das de Casaldeirigo coas que ao final cantaron e tocaron.
DIARIO DE AROUSA, 03/09/08
0 comentarios