Miguel Piñeiro: «A miña paixón pola lamprea herdeina do meu pai, Piñeiro Ares».
Miguel Piñeiro Moure é xornalista e escritor pero ante todo, pescador. Nado en Catoira, a súa actividade profesional na radio comeza en 1983 como locutor en varias emisoras. Na actualidade, desenvolve a súa actividade na Radio Galega onde presenta un programa cada sábado sobre a súa actividade favorita: a pesca. Á marxe da súa profesión, Piñeiro ten colaborado con varios medios de comunicación ou escritos, non só de Galicia, para tratar diversos aspectos do mundo dos ríos.
Pero a súa actividade non está concentrada só nos medios de comunicación senón que tamén realiza conferencias en varias sociedades de pesca galegas para dar a coñecer mellor a actividade da pesca. As súas publicacións están case todas relacionadas coa arte, aínda que tamén tivo un oco á luz unha obra sobre o mítico xogo do «Mus» ou do pintor padronés «Carlos Bóveda».
Ao longo sa súa carreira tamén ten recibido varios galardóns, entre os que destacan o Premio Galicia de Xornalismo Deportivo da Federación Galega de Prensa Deportiva en 2005 ou a Insignia de Prata da Asociación de Pescadores da Ulloa, en 2007. Onte presentaba no «Chef Rivera» de Padrón, a súa derradeira publicación: «Lampreas e pesqueiras: historia, artes de pesca e receitario».
¿Como empeza o sue amor pola pesca?
Sendo de Catoira e vivindo case toda a miña vida entre Cesures e Padrón, e sendo fillo de pescador é lóxico que me dese por aí.
¿Como e cando se especializa no jxornalismo de pesca?
A primeiros dos noventa comecei a colaborar con revistas e medios especializados en pesca froito de congresos e reunións con xornalistas. Na Radio Galega puxen en marcha, pouco despois, no 93, o programa de pesca fluvial.
Intensifiquei a miña participación en medios e logo tiven a sorte de que Ediciones Tutor de Madrid me propuxera que escribira algo sobre o tema.
Tamén debo indicar que hai quen pensa que vivo da pesca e isto non é certo, eu vivo do xornalismo por iso pertenzo á plantilla da Radio Galega.
Á marxe da pesca, ¿hai algunha outra cousa á que lle gusta adicar o tempo libre?. Dígoo sobre todo polo libro de mus que publicou hai uns anos…
Bueno, eu na pesca distinguiría pescar de escribir de pesca. ? dicir, pescar e o ambiente social da pesca é o meu pasatempo predilecto pero escribir libros de pesca é unha paixón como é o xornalismo de pesca. Este último levóume a fundar o Xornal Trueiro hai un ano.
E, en efecto, gústame moitísimo xogar ao mus, como tocar a batería (teño un tema de 1974).
¿Hai algun estilo de pesca que sexa o seu favorito?
Sen dúbida a pluma ou buldo. Nunca desboto botar unha culleriña, ou pescar á mosca seca coa cola de rata, pero o buldo…
¿Como empezou a interesarse pola lamprea, un peixe que está moi presente no río Ulla?
Bueno, a paixón pola lamprea, ven do meu pai, Xosé Piñeiro Ares, quen escribiu máis de cen artigos en prensa adicados a este singular peixe, e ademais a tradición familiar de varias xeracións na preparación da lamprea fixo o resto.
Para realizar este libro, ¿como conseguiu que os prestixiosos restauradores Ferrán Adriá e Juan María Arzak realizasen cadanseu prólogo?
Debo dicirche que ambos sse mostraron moi ilusionados cando lles pedín a súa colaboración. Para mín e toda unha honra e unha xustiza que se fai a este ciclóstomo. Para eles non teño máis que recoñecemento e agradecemento.
¿Como e que cambian as formas de pesca dependendo dos ríos?
No Miño e no Ulla se utiliza o butrón pero cambia a técnica e a colocación nas pesqueiras. No Tea se captura con fisga dende estacadas. Son tradicións de tantos séculos…
¿Como foi o traballo de recompilación de información para este libro e que tempo lle levou realizalo?
Ufff. Levo case sete anos de traballo coa recolleita de material documental porque seguirlle a pista á dcumentación histórica é un traballo lento, nada doado pola falla de inventarios, en fin que foi a peor parte. Imaxínate buscar información no Cabildo de Santiago, no de Tui, en mosteiros, en bibliotecas, en pazos…
¿Por que dicidiu incluír un receitario sobre a lamprea? ¿Que restauradores se prestaron a desvelar os seus segredos?
Porque a lamprea non se pode pescar a nivel deportivo senón a nivel profesional e tendo un tirón tan senlleiro na nivel gastronómico, o receitario era unha obriga. Nel colaboraron Pedro Subijana, Chef Rivera, Toñi Vicente, Miguel González Aguiar e varios restaurantes galegos. dende Arbo á Coruña, pasando por As Neves, Pontecesures, Valga, Catoira, Rois, Santiago…Algúns prestixiosos restauradores a nivel nacional declinaron participar por non teren lamprea na jsúa carta.
¿Ten algún proxecto de futuro a curto e medio prazo?
Varios. Estou dándolle voltas a un diccionario galego de pesca á mosca e a un libro sobre o salmón, pero me chama moito un proxecto de Alberto Torres no que me vou volcar plenamente.
Á marxe das publicacións tamén leva a cabo outras actividades de pesca, ¿cre que este mundo precisa de máis promoción? ¿Cal é a súa intención?
O mundo da pesca é un factor de dinamización social e económica do pais. En Galicia hai cen mil galegos con licenza de pesca de río e uns trinta mil con licenza de mar. ¿Alguén se parou a estudar a fortaleza económica da pesca deportiva?. Eu non o vou facer, a min cónstame.
Entrevista de Lidia M. Gallas Otero. Especial «Arousa, un mar de cultura».
DIARIO DE AROUSA, 23/11/08
0 comentarios