Joaquina da Fenteira, Cruz de San Xulián e Esperanza da Toxa no Centro de Día de Cordeiro.
Vemos a Joaquina a Cruz e a Esperanza escoitando os relatos dos nenos do colexio Ferro Couselo
Unha pequena representación do CEP Xesús Ferro Couselo, da parroquia valguesa de Cordeiro, acudiron esta semana ao Centro de Día de Valga, ubicado no Auditorio, para darlles unha sorpresa aos maiores que se atopan nas instalacións locais.
Na visita participaron rapazas e rapaces dos seis cursos que se imparten no centro, arredor de quince, coa intención de achegarlles aos usuarios do Centro de Día os contos que eles mesmos compuxeran uns días antes e nos que os protagonistas eran os maiores. A idea partiu do claustro de mestres que organizou un concurso entre os cativos e, unha vez coñecidos os gañadores, acudiron ao Centro de Día para ofrecerlles aos maiores que alí se atopan unha sesión de contacontos diferente, na que os protagonistas dos relatos son os avós e os narradores, os nenos.
Intercambio > Pero os sorprendidos non só foron os usuarios do centro de maiores xa que os estudantes tamén recibiron algunha que outra sorpresiña. A primeira delas chegou en forma de canción, que lles aprendeu unha das enfermeiras que traballan no centro, e da que os ??avós? fixeron a súa propia versión; era o coñecido tema ??Pirimpimpín?, dunha coñecida serie de televisión, coa que os intérpretes lles deron a coñecer aos cativos como funciona o seu centro e que actividades fan, que non son poucas, tal e como puideron comprobar.
Pero esta non foi a única sorpresa da mañá posto que os quince estudantes tamén recibiron un agasallo que realizaron os propios usuarios do Centro de Día: Un marcapáxinas con debuxos e un pequeno texto, e tamén unha caixiña con lambetadas, para que así os rapaces e rapazas marcharan cun sabor máis doce do local.
DIARIO DE AROUSA, 13/05/09
0 comentarios