Volcados co río Sar.
Non estamos a referirnos a mergullarse nas suas augas coma noutros tempos cando de rapaces íamos a nadar ao Remol, a Presa ou a Volta. E ata en caso de apuro se bebía das suas augas cristalinas e transparentes, que así iba o río Sar ao seu paso pola vila de Rosalía, a quen o río e a incomparable beleza natural deste fermoso val tanto a inspirou.
Hoxe queremos facernos eco da satisfacción con que a maioría de padroneses e ribeireños en xeral acolleron as derradeiras informacións publicadas nos medios de comunicación, segundo das cales, por fin, parece que Medio Ambiente e coa colaboración dos concellos do entorno, dende o propio Santiago, con Ames, Brión, Rois, Padrón e Dodro, se procederá a rexeneración das súas contaminadas augas que aínda sen volver a ser o que eran, alomenos se saneen da lamentable situación en que fai anos se atopan .
E por outra banda se leve a cabo a mellora tantas veces prometida no tramo do seu curso entre Padrón, Lamas e Pazos para evitar que as habituais enchentas do río veñan a asolagar eses lugares e as fincas do percorrido.
Benvidas serán asemade as proxectadas obras de creación de pistas de sendeirismo e repoboación de ámbalas duas ribeiras do río coas árbores idóneas para fixación dos terreos, ao tempo que facilitar o hábitat da fauna piscícola da que o Sar foi sempre un dos ríos mais propicios e, ó tempo, desexados polos afeccionados a pesca con caña de gran parte de Galicia.
Así pois confiemos en que esta vez o vello e tan ansiado proxecto non tarde en verse convertido en realidade e non coma algúns mal pensados cren, que habelos háilos, fora unha de tantas promesas preelectorais que pasen de novo a encher o baúl dos recordos.
Artigo de José Castro Cajaraville. TIERRAS DE SANTIAGO, 09/06/09
0 comentarios