A sega do trigo, unha materia máis para os escolares de Valga.
Máis de cen persoas se acercaron ata a finca de O Pradiño para presenciar e participar na sega.
Preto de cen persoas participaron onte na sega do trigo, enmarcada na III edición do Festival Interxeracional de Valga, á que asistiron tanto os membros de distintas asociacións culturais como os escolares para presenciar esta labor tradicional.
Un encontro onde a transmisión do patrimonio histórico e cultural pase de mans dos maiores aos máis cativos foi o que acolleu onte a finca de O Pradiño. Trátase dunha iniciativa que pretende dar a coñecer aos pequenos da comarca a sega do trigo e como se esforzaban os seus avós e bisavós para sacar adiante as súas leiras. Así, máis de cen persoas acudiron á actividade ataviados coas súas ferramentas e meténdose no papel que ían desempeñar. Os maiores que asistiron ao encontro disfrutaron da ledicia que lles proporciona a sega e lembran como as súas familias levaban a cabo estas labores tan rudimentarias.
Durante a xornada, que se alongou máis do previsto pola afluencia de persoas, o calor fixo a súa aparición e os que acudiron disfrutaron desta fase de recuperación tradicional. Os membros das asociacións Axentiva, A Eira, Asmivalu e mailos usuarios do Centro de Día achegáronse na mañá de onte para participar nesta iniciativa que xa se vai arraigando no municipio e que dende a súa organización anímase a que outros concellos a leven a cabo.
Obxectivos > Así, escolares do colexio Xesús Ferro Couselo e do colexio de Baño desprazáronse ata o lugar de Ferreirós para presenciar o proceso de recuperación tradicional. E é que se trata dun xeito máis de integrar a tradición na vida moderna que temos hoxe en día, unha ferramenta non só de diversión senón tamén de posta en valor dos traballos tradicionais.
E a pesares de que o calor petaba xa case á unha da tarde, ninguén se queixaba, todos sorrían, as Pandereteiras seguían tocando e todos estaban orgullosos do traballo feito ao longo da mañá e sobre todo, do que esa labor tradicional significaba. Así e todo, este festival non rematará aquí, xa que tras esta sega, terá lugar a malla, a moenda, e máis tarde, a elaboración do pan. Todas elas serán actividades enmarcadas dentro do Festival Interxeracional.
DIARIO DE AROUSA, 19/08/09
0 comentarios