Sombras en Iria Flavia.

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán en

Cando, hai agora dez anos, a revista Tempos Novos deu a coñecer documentos que deitaban sobre a Fundación Camilo José Cela sospeitas de fraude fiscal, todos miraron para outro lado. Reinaba Fraga Iribarne, amigo do marqués de Iria Flavia, cómplice voluntario noutro tempo dunha sorte de mcartysmo á española que con tanto celo ensaiou o réxime franquista co que ambos se xuramentaran. O xuíz de primeira instancia número 40 de Madrid vén de ditar unha sentenza que, aparte de garantirlle ao fillo do Nobel a restitución de dous terzos do legado patrimonial que lle furtaran, ratifica que o escritor e a súa segunda muller utilizaron os diñeiros que manexaba a Fundación (maioritariamente de procedencia institucional) no seu propio proveito. O xuíz alude agora expresamente ás ??manobras financeiras e mercantís?? que acometeron con ese obxetivo.
Porén, a acción da xustiza non vai máis alá do que a enxeñeiría contable á que se entregou o matrimonio supuxo para os intereses do fillo do Nobel. De entendela nesa clave estritamente familiar, non tería relevancia pública. Pero non. A mentada revista demostrou que as manobras que confirma o xulgado madrileño teñen que ver, e moito, cun máis que irregular manexo privado das cantidades millonarias que, mediante a intercesión de Fraga, procedían en boa medida da Xunta e das catro deputacións provinciais. Máis en concreto. O matrimonio creou, sen previa información nin autorización do Patronato da Fundación, a agrupación de interese económico Lengua y Literatura, participada nun 80 por cento pola Fundación e nun 20 por cento pola agrupación Letra y Tinta, da que o escritor e a súa muller eran socios exclusivos. A nova entidade xestionou, a través dunha conta bancaria aberta co seu nome en Padrón, as millonarias subvencións públicas destinadas para a adquisición e reforma das Casas dos Coengos. Recibindo así as devolucións igualmente millonarias da Facenda Pública ás que a Fundación, que como tal estaba exenta de IVE, non tiña dereito.

Malia quedar todo ao descuberto, os patronos da Fundación (entre eles, a Xunta, o Ministerio de Educación, a Casa Real, a Universidade de Santiago e as Deputacións) non moveron un dedo. Limitándose algúns deles a reducir e mesmo anular os envíos anuais unha vez que Fraga perde o Goberno. Nin sequera cando menudearon as denuncias por acoso laboral, e aqueloutras que evidenciaron, pese á chuvia de millóns dos últimos anos 90, o deterioro ao que está sometido o riquísimo legado cultural que Cela donara á Fundación. Está en perigo.

E Marina Castaño, a presidenta, quere salvalo ofrecéndollo a Esperanza Aguirre. De consentilo, o Patronato sumaría á da súa pasividade anterior unha nova e punible irresponsabilidade. Non para levalo á Cidade da Cultura, como repentizou Feijóo. Debe seguir onde está. Iso sí: hai que liberalo tanto das goteriras como dos seus actuais gardiáns, limpando a Fundación de toda sombra de pecado mediante unha investigación da Xunta que poña a cada quen no seu sitio.

Columna «O galo no tellado» de Luis Álvarez Pousa
DIARIO DE AROUSA, 17/01/10


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.