Padrón recoñece a brillante carreira de Gonzalo Ugarte.
O edil de Cultura, Eloy Rodríguez, entregándolle o galardón a Gonzalo Uriarte.
Non quedou dúbida de por que o xurado do IX Premio de Interpretación Teatral Maruxa Villanueva de Padrón lle outorgou o galardón ao actor Gonzalo Martín Uriarte. O seu amplo currículo profesional tanto sobre as táboas dos teatro galegos dende 1978 da man de diversas compañías, así como a súa participación en longametraxes, tanto en lingua galega como en castelán, dirixidas por prestixiosos directores e a súa interpretación en series de televisión son o punto de partida para dito recoñecemento. Pero o xurado foi aínda máis lonxe ao sinalar, como recolle a acta firmada en febreiro pasado, que se lle outorga o Maruxa Villanueva, non só pola súa brillante carreira, senón tamén pola súa última interpretación na obra Afterplay, de Brian Friel, na que o actor galego nado en A Coruña dá vida a Andrei Prozorov.
O público padronés presente o sábado pasado pola noite no auditorio do Souto, desafiando o temporal, foi testemuña da dramatización de Uriarte e comprobou en primeira persoa os criterios que levaron o xurado do Maruxa Villanueva na súa novena edición a concederlle este galardón.
Para o actor galardoado, o premio vén paliar moitos dos momentos de tensión que xorden no seno familiar froito das implicacións da profesión teatral, unha profesión con horarios e momentos «que distan moito do que se pode considerar normal, do que vive a maioría da xente». Por iso, Gonzalo Uriarte quixo compartir o premio coa súa dona, presente no acto, e coa súa familia, e tamén con Xulio Lago, director da obra, e por extensión, a todo e co equipo do Teatro do Atlántico.
O Premio de Interpretación Teatral Maruxa Villanueva, creado polo Concello de Padrón en 2001, está dotado con 1.200 euros, un diploma e un busto da actriz falecida o 24 de novembro de 1998. ? un premio único en Galicia.
EL CORREO GALLEGO, 15/11/10
0 comentarios