O instituto de Negreira celebra o Día das Letras Galegas cunha homenaxe a Pousa Antelo.
O instituto Xulián Magariños inicia hoxe os actos conmemorativos das Letras Galegas 2011. Faino cunha charla da escritora e profesora da Universidade de Santiago María Xesús Nogueira entorno á figura e a obra do poeta monfortino Lois Pereiro, homenaxeado nesta edición. A charla está dirixida ao alumnado de primeiro e terceiro de secundaria.
Para o xoves hai programado un recital poético de Lois Pereiro e a interpretación de baile baseada na canción Miña terra galega, de Siniestro Total. Será nas vésperas da homenaxe que o instituto de Negreira lle vai tributar este venres, 13 de maio, ao mestre galeguista barcalés e presidente da Fundación Castelao, Avelino Pousa Antelo, nado no ano 1914 na parroquia de San Xoán de Barcala (A Baña) e que este sábado cumprirá os 97 anos de idade.
O maxisterio e a pedagoxía, a defensa do cooperativismo e do desenvolvemento do medio rural, pero tamén o seu compromiso «cívico» e literario coa cultura e a sociedade galega «encheron unha intensa traxectoria vital, que xa foi recoñecida nos últimos anos con premios e distincións», algo no que non é moi pródiga a terra natal de Lucho do Peto, coma é coñecido en Barcala, salvo pola homenaxe que hai sete anos lle tributou a asociación de veciños A Barcalesa, coa descuberta dunha placa na casa onde naceu o histórico galeguista, que desde hai tempo reside no concello de Teo.
Segundo informou Adelino Pose Reino, director do Xulián Magariños, quen puido falar con Pousa Antelo hai só uns días, faille «moita ilusión achegarse este venres a Negreira», aínda recoñecendo a súa avanzada idade.
No acto que terá lugar este venres, ao que están convidados os alcaldes de Negreira e A Baña, actuará o coro do instituto dirixido polo profesor Emilio Mato, e haberá a proxección dun deuvedé sobre lembranzas e reflexións de Avelino Pousa. Despois haberá unha comida na Casa Salvador, na súa querida parroquia de San Xoán de Barcala.
LA VOZ DE GALICIA, 10/05/11
0 comentarios