Novo escrito reiterando o perigo nun treito da PO-214 Pontecesures/Baloira
Sra. Directora Xeral da Axencia Galega de Infraestruturas
SANTIAGO DE COMPOSTELA
A mediados de outubro enviouse ao Xefe Territorial de Infraestruturas en Pontevedra o seguinte escrito
«»Mediante a presente transmítolle a miña preocupación e a de varios usuarios da estrada autonómica PO-214 Pontecesures-Baloira (a que parte da N-550 dende Pontecesures para A Estrada). Hai un tramo a partir do quilómetro 4 onde hai uns eucaliptos nas marxes, nos terreos de titularidade pública, de gran tamaño, con pólas tamén de volume considerable que están por enriba da estrada en posición case horizontal o que representa un grave risco de desprendimento e de provocar un grave accidente. Incluso algunhas pólas semellan estar case secas co cal o perigo aínda é maior.
Aínda que este tramo pertence ao municipio de Padrón (preto do lugar de Os Condes), o mantemento de toda a estrada Pontecesures-Baloira correspóndelle a ese servizo.
Algúns veciños dos lugares cesureños de Grobas e Fenteira , que circulan por este tramo a diario,estanse a queixar desta situación por razóns de seguridade e tendo en conta que xa nestes días son frecuentes os temporais con fortes ventos.
Polo exposto, solicítase unha actuación urxente para podar de inmediato as pólas de gran tamaño que están sobre a estrada antes de que teñamos que lamentar algunha desgraza.»»
Pois ben; parece ser que as decisión sobre a petición formulada correspóndelle a esa axencia, onde se están a estudar outras actuacións deste tipo nas estradas autonómicas en xeral.
Porén; estímase que esta actuación é prioritaria pois o risco é moi elevado como poden corroborar os vixilantes de estradas nesa zona. Por suposto que non se respectan as distanzas das árbores ás estradas convencionais que se reflicten no Anexo II da nova Lei de Montes, pois os eucaliptos están en terreo de dominio público a metro e pouco da marxe da estrada como moito.
Polo exposto, prégase a esa axencia que mentres se estuda a toma de decisións sobre a tala das árbores, no seu caso, se ordene a poda das pólas co fin de evitar o risco de accidentes.
Pontecesures, 08/11/13
Luis Ángel Sabariz Rolán
Concelleiro da ACP Pontecesures
1 comentario
manolo o do bombo · 9-11-2013 a las 21:01
Sabariz tes toda a razón ,espero que non pase unha desgracia para que actuen
da medo ir por ahi,haber si che fan caso…………