«Fiscalizar a Bello Maneiro é chocar contra un muro».
«Hai xente moi cansa de pasar polo despacho do alcalde para pedir favores»
María Ferreirós, de 36 anos, lanzouse a pelexar contra Bello Maneiro dende a plataforma veciñal que se constituíu para intentar frear o polígono industrial de Valga. Ela é arquitecta técnico de profesión e sabe ben do que fala. Se cadra, o que non sabía daquela son as dificultades que presentan determinadas batallas. Agora, que xa o vai coñecendo, decidiu poñerse por diante e encabezar a lista do PSOE que tentará acabar co dominio de Bello Maneiro no concello. A dos socialistas é a única formación que se presenta para desafiar o rexedor do PP. Ferreirós Magariños di que esa ausencia de rivais explica ben o que alí sucede. «Hai un desgaste terrible na oposición porque fiscalizar o traballo de Bello Maneiro é chocar contra un muro», di. «Noutros concellos están a nacer movementos veciñais pero aquí non», lamenta
A número un na lista non militaba no PSOE pero, dende aquela loita do polígono, comezou a manter contactos cos representantes do grupo do puño e a rosa. «Funme decatando de como funcionan e vin que había xente comprometida e moi participativa», apunta. Que o PSOE fose o único partido que votou en contra do PXOM xogou tamén a favor da elección.
Ten por diante unha tarefa dura pero di que está atopando o pulo de moitos valgueses, desconformes co xeito de como se están a facer as cousas. «Hai moita xente que está cansa de ter que pasar polo despacho do alcalde para pedir favores», apunta, e di tamén que están a atopar moito apoio nas redes sociais. «Pedimos que a xente sexa crítica», resume.
Para incidir en que o xeito de facer as cousas do alcalde non ten nada que ver co seu pon o exemplo do tanatorio. «Unha obra na que o Concello gastou un millón de euros e que o normal sería que o fixese unha empresa privada», sinala. Ferreirós recoñece que están atopando dificultades para chegar á xente pero que están decididos a ir casa por casa.
Unha relación fría
De Bello Maneiro di que ten unha relación «moi fría con el» porque é, asegura «un home de moi pouco consenso». Asegura que o alcalde se enfada moito cando as cousas non lle van polo seu rego. «Calquera discrepancia tómaa como un ataque persoal. ? unha situación bastante desagradable», apunta. O que está claro é que María Ferreirós ten por diante todo un reto. Nas dúas últimas eleccións municipais Bello Maneiro andou por riba do 70%.
«Hai xente moi cansa de ter que pasar polo despacho do alcalde para pedir favores»
La Voz de Galicia
0 comentarios