A padronesa Marisa Castelao estará polo menos seis semanas de baixa tras romper o pé nun focho de Santiago.
Marisa Castelao, en compañía dos seus pais, coa perna escaiolada por culpa da focha.
Marisa Castelao, unha veciña do concello de Padrón, tivo moi mala sorte este domingo na rúa de San Roque. Cruzaba un paso de peóns, á altura da capela do barrio, cando por un descoido meteu o pé nunha fochanca e rompeu o quinto óso metatarsiano. «Nin sequera o vin. Cando me dei conta xa tiña o pé na focha», explicou onte a muller en declaracións a EL CORREO GALEGO, á vez que engadiu que, aínda que non chegou a caer ao chan, a torcedura que sufriu foi tan brutal que orixinou semellante lesión.
Chamou de inmediato á Policía para que abrise dilixencias do sucedido e, acto seguido, acudiu ao Servizo de Urxencias do Hospital Clínico, onde os médicos lle diagnosticaron que fracturara este pequeno óso do pé esquerdo e que debería estar escaiolada polo menos seis semanas. «Menos mal que levaba zapato plano, que se levara tacóns xa rompería a perna», comentou a padronesa, antes de explicar que a rotura foi afortunadamente moi limpa.
Deberá gardar absoluto repouso durante o tempo que estea enxesada, á espera dos resultados deste tratamento. «Esperemos que me quede ben o pé», sostivo Marisa, que sinalou que de momento non sabe se terá que facer rehabilitación para recuperar a normalidade na extremidade. Neste sentido, anunciou que hoxe presentará unha reclamación oficial no pazo de Raxoi. Achegará o informe policial, no que consta o sucedido e tamén o que lle entregaron os médicos sobre a lesión ocasionada.
O certo é que non se trata da primeira vítima dos centos de fonchancas que invaden a capital de Galicia. Ademais dos numerosos rebentóns de rodas e outro tipo de incidencias en automóbiles, tamén son cuantiosas as lesións que sufriron os peóns por mor de fochas no pavimento. O centro histórico, onde o Consorcio da cidade realiza actualmente reparacións no empedrado, é un dos principais puntos negros. As pedras rotas convertéronse nunha auténtica ameaza, causando decenas de caídas e, mesmo, rotura de extremidades do corpo.
Ante semellante panorama, o concelleiro de Medio Rural e Equilibrio do Territorio, Rafael Peña, asegurou onte nunha rolda de prensa que os traballos para reparar as fochancas comezarán mañá. Dixo que as obras se foron atrasando debido ao mal tempo e polos días festivos que celebrou o sector da construción. Así, anunciou que o plan de arranxo que se iniciará corresponde a dous contratos adxudicados en abril, cubertos cunha partida de 120.000 euros.
O edil comentou que xa tivo lugar unha reunión técnica para concretar as datas entre as que se realizará a actuación, que «lle afectará a puntos en moi mal estado como os accesos ao tanatorio de Boisaca, Salgueiriños, Conxo ou Virxe da Cerca», rúa na que, segundo apuntou, tamén se traballará os sábados para evitar o tráfico que orixinan os centros escolares.
Rafael Peña asegurou que as obras estarán terminadas nun mes e medio, aínda que poderían estar condicionadas polas condicións meteorolóxicas. Tamén avanzou que Raxoi está a traballar na elaboración dos pregos do novo contrato de mantemento da rede viaria. Están «moi avanzados», sinalou.
El Correo Gallego
0 comentarios