A directora xeral de Comercio e Consumo en Pontecesures na campaña «Quere o teu mercado».
Máis de 90 prazas de abastos de Galicia súmanse co apoio da Xunta á iniciativa internacional ‘Quere o teu mercado’
A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participou en Pontecesures na presentación autonómica da campaña
A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participou en Pontecesures na presentación autonómica da campaña promovida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración cos concellos e as asociacións de praceiros
Ata finais de mes celebraranse diferentes actividades poñendo en valor a calidade e a profesionalidade das prazas galegas, que culminarán o 27 de maio coa celebración do Día do Mercado
Para continuar contribuíndo á excelencia das prazas de abastos, a Xunta ten activa unha nova convocatoria de axudas dotada con 900.000 euros
Pontecesures (Pontevedra), 18 de maio de 2017.- A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, participou hoxe en Pontecesures (Pontevedra) na presentación autonómica da iniciativa internacional Quere o teu mercado (Love Your Local Market). Esta celebración é impulsada en Galicia por terceiro ano pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración cos concellos e as asociacións e federacións de praceiros. Tal e como explicou Vázquez Abeal, máis de 90 prazas de abastos de toda a comunidade súmanse a esta iniciativa que se celebra ata finais de mes en máis de 30 países de Europa, América e Asia.
No marco de Quere o teu comercio desenvolveranse en Galicia distintas propostas para visualizar e promocionar as prazas como pezas clave do comercio de proximidade, poñendo en valor a calidade e a profesionalidade dos mercados galegos. Entre as actuacións específicas promovidas pola Xunta co sector celebrarase o vindeiro sábado 27 de maio o Día do Mercado.
No acto celebrado en Pontecesures, Vázquez Abeal sinalou que Quere o teu mercado (Love your local Market), con orixe no Reino Unido, está promovido a nivel internacional pola World Union of Wholesale Markets, que propón en cada edición un obxectivo común que neste ano 2017 se centra en promocionar os mercados entre a poboación máis nova a través do slogan Markets for the new generation (Mercados para a nova xeración).
Entre as distintas iniciativas que se celebrarán nos próximos días inclúense, ademais do reparto de material promocional, exposicións, actuacións musicais, degustacións gastronómicas ou diferentes actividades para nenos e nenas. Todas as iniciativas iranse incluíndo na páxina web da campaña.
Sol Vázquez Abeal sinalou que continuar contribuíndo á excelencia dos mercados galegos é unha prioridade para a Xunta, que vén de activar unha nova convocatoria de axudas dotada con 900.000 euros cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 29 de maio.
Por unha banda, os concellos poden obter apoios para a realización de melloras nas instalacións das prazas de abastos e a posta en marcha de novos servizos para os clientes, así como para a adecuación dos espazos onde se celebran os mercados tradicionais e ambulantes, referentes na venda dos produtos locais e tradicionais de calidade.
Como novidade, este ano as asociacións e cooperativas de praceiros poderán solicitar tamén axudas para a adecuación das instalacións, e melloras no interiorismo e imaxe, a exposición do produto ou os sistemas de comercialización. No caso das asociacións e cooperativas situadas en concellos polos que pasa o Camiño de Santiago poderán un ano máis solicitar os apoios para a creación de lotes de produtos con empaquetado específico no marco da iniciativa Mercados no Camiño, que busca así aproveitar as sinerxías entre turismo e comercio nas localidades polas que discorren as rutas xacobeas.
O programa enmárcase no Plan de Mercados Excelentes de Galicia 2016-2020, que recolle 20 actuacións específicas que permiten potenciar estas infraestruturas comerciais como espazos de emprendemento e de dinamización económica, adaptados aos novos hábitos dos consumidores e vinculados ao territorio.
Páxina da Consellería de Economía, Emprego e Industria
0 comentarios