Falece José Burés, coñecido como O Rato, un dos veciños máis queridos de Valga.
José Burés era un home pequeno e alegre. O Rato, tal era a súa chata, amaba as festas, o baile, a música e os bos cocidos. O pasado xoves marchou. Imaxinámolo percorrendo, con ese sorriso seu cargado de picardía, o camiño que o vai levar á eternidade. Porque, como lle dixo hai uns cantos anos unha veciña, case tan vella coma el, Burés é unha desas persoas que non vai morrer nunca: quedará para sempre no recordo dos seus veciños; na casa labrega do Concello, onde se gardan as máis de cen pezas etnográficas que Burés foi recolleitando durante a súa longa vida de home de terra. De labrego orgulloso das súas raíces, do seu traballo, das súas mans manchadas.
Tiven ocasión de visitalo na súa casa cando aínda tiña alí todos eses tesouros canda el. Era unha colección fenomenal de pezas insólitas. Da parede colgaba o cabeceiro da cama na que durmía cando era novo. Nunha esquina estaba o vello aparato de radio no que el e a súa familia escoitaban os partes. E por todos os lados, ferramentas para traballar os campos e coidar dos animais. Ofrecíalle ás visitas unha caixa de bombóns e unha chea de historias que amenizaba con algunha canción e que sempre remataba cun riso.
José nunca se casou. Pero tivo un gran amor na súa vida. Chamábase Dolores, e foi a súa noiva dende que el regresou da guerra ata que ela faleceu con setenta anos. Contan que dunha volta, nun baile, o home da orquestra empezou a cantar: «José, Dolores, ¿y de tu boda qué?». E os músicos seica lle contestaban: «¡Demi boda ná!??». Confesaba Burés, xa con 95 anos ao lombo, que igual non acertara ao quedar solteiro. Chegados a este punto, abría José a súa carteira e amosaba a foto de Dolores. Unha muller fermosa, de rostro sereno. O amor de toda unha vida.
A marcha de José Burés vai deixar a Valga orfa dun dos seus veciños máis queridos. Durante anos foi a alegría do centro de día, onde pasaba as mañás repartindo sorrisos e bromas. A morte violenta do seu irmán deixou unha pegada de pena no seu rostro, pero el esforzábase sempre por amosar a súa mellor cara. A dun home que estaba a piques de cumprir cen anos. Tocáballe no mes de decembro, e no Concello xa lle estaban a argallar unha boa festa. Non se celebrará. José marchou para sempre, quen sabe se para casar co seu gran amor.
La Voz de Galicia
0 comentarios