O BNG aposta por Tarela para «sacar a Pontecesures do coma no que está»,
A ex-alcaldesa foi presentada onte como candidata á alcaldía do Baixo Ulla.
Hai tres anos, unha moción de censura apartou a Cecilia Tarela da alcaldía de Pontecesures. Agora, o BNG volve confiar nesta muller, cunha ampla traxectoria na vida municipal cesureña, para que reconquiste un Concello que, segundo ela mesma dixo durante a súa presentación, «está en coma» dende a chegada ao poder de Juan Vidal Seage.
Foi o responsable comarcal do BNG, Demetrio Gómez, quen presentou á candidata nacionalista, e fíxoo afirmando que para o Bloque é «un orgullo poder contar con Cecilia para encabezar a nosa candidatura, unha muller con ampla experiencia política e sindical, gran
coñecedora do entramado asociativo de Pontecesures e a súa contorna, e que fixo un moi bo
traballo no seu paso polo goberno municipal».
Logo falou a protagonista do acto. Cecilia Tarela tomou a palabra para lamentar os tres anos de parálise que vive Pontecesures. Dende a moción de censura, «a cultura desapareceu, o goberno municipal é incapaz de facer uns orzamentos, e os conflitos cos
traballadores e coas entidades sociais están á orde do día». «Hai tres anos, na moción de censura, díxenlle ao novo goberno que había que poñerse a traballar. E tres anos despois, nada de nada», dixo.
Cecilia Tarela asegura asumir a encomenda do BNG «coas mesmas gañas, coa mesma ilusión e co mesmo proxecto transformador para Pontecesures cos que nos presentamos hai catro anos». Preséntase dispota a «retomar un proxecto en positivo para Pontecesures, o proxecto do BNG», sentenciou.
Construír un centro socio-cultural, «que xa estaba proxectado e que o PP paralizou», completar a rede de saneamento integral do municipio, recuperar as relacións fluídas co movemento asociativo e cos traballadores municipais, son algúns dos retos que se marca para conseguir «unha Pontecesures aberta, para vivir, sentir e gozar».
La Voz de Galicia
0 comentarios