Cirios con tapa, a solución de Cerería San Román fronte á previsión de chuvia e vento.




Unha cita ineludible ás portas de Todos os Santos e Defuntos é a Cerería San Román, un negocio familiar que leva despachando dende o número 16 da rúa San Román de Pontevedra máis de 60 anos. A casa matriz, Cerería Diéguez, está en Pontecesures, cuxa fábrica supera o século de historia.
Nestes días previos, a entrada de clientela ao establecemento é incesante, chegando nalgúns momentos a formarse unha ringleira no exterior. Joaquín Diéguez, pertencente á cuarta xeración e o actual responsable do establecemento, lembra que cando se incorporou ao negocio con 17 anos «a cola seguía por toda a rúa, ata a praza da Verdura». Con todo, «aínda que non é como antes, dá gusto coa xente, hai clientes que só veñen unha vez ao ano para levar ao cemiterio os seus cirios e buscan unha candea boa para ese día».
Esta clientela xa coñecida vén de todos os puntos da provincia e mesmo de fóra. «Estes días, por exemplo, veu unha familia de Ourense», aclara Diéguez. Dende principios do mes de outubro xa se nota unha subida nas vendas, máis intensa nesta última semana, na que a tenda dobrou horario. «Do 24 ao 31 abrimos mañá e tarde», reza o cartel na porta.
O punto diferencial que garante a calidade das candeas de Cerería San Román é que son cen por cen artesás. Na sede de Pontecesures o propio Joaquín encárgase de elaborar as candeas, traballo que alterna coa venda no establecemento de Pontevedra. «Eu creo que son o único que fabrica e que vende, que eu saiba en Galicia, non hai ninguén que tamén teña tenda», afirma Joaquín, quen na actualidade está ao cargo en solitario de todas as tarefas da empresa cereira.
Que diferencia unha candea artesá doutra de produción industrial? Joaquín sinala un dos cirios que está a piques de cobrar a unha clienta e explica que «esta candea é única, non a hai igual noutro lugar, porque eu póñolle unha cantidade determinada de cera e un peso adecuado», o que asegura unha maior duración acesa. É máis, Diéguez descóbrenos que tamén cambia a densidade da cera en función de se a candea se vai acender no inverno ou verán.
«Este ano as vendas van a bo ritmo, non me podo queixar, a pesar da choiva», apunta o cereiro. Como pode influr a choiva neste negocio se a xente segue acudindo ao cemiterio estas datas? «A xente que ten tradición segue indo ao cemiterio, chova ou non, pero se ten a lápida exterior, hai xente que non pon candea porque quere tela acendida ese día, que é o único que vai en todo o ano». Para estes casos, na tenda venden unhas tapas metálicas que protexen a chama e deféndena das inclemencias meteorolóxicas, tanto da choiva como do vento. Na visita de PontevedraViva ao establecemento, os cirios, con e sen tapa, son o modelo máis despachado.
«Xa viñan os meus avós, meus pais e agora eu«, di unha das clientas mentres conta os once cirios que vai levar para repartir en tres camposantos. «Xa teño moita máis xente alí que aquí», confíanos. Outra clienta agarda, acompañada da súa nai, para mercar seis candeas que levará a dous cemiterios da contorna de Pontevedra. No seu caso, tamén é unha tradición familiar acudir nestas datas á Cerería San Román, «e o resto do ano tamén», sinala. Ao cemiterio pontevedrés de San Amaro chegarán as catro candeas que unha terceira clienta levará aos seus pais, dos que «herdou» a tradición de mercar velas nesta emblemática tenda.
O un de novembro, festivo no calendario laboral, debería ser unha xornada de descanso para Joaquín Diéguez, despois de semanas de intenso traballo. Para a nosa sorpresa, confesa que a campaña para os Defuntos de 2024 empezará nese mesmo día. «O día primeiro, ao acabar, xa empezo para o ano que vén elaborando candeas para todo o stock, ao ser artesanal tes que ir facendo, non podes facer de golpe todo», remata o cereiro.
Pontevedra Viva
0 comentarios