Valga xa ten todo a punto para recibir os Reis Magos.
As Súas Maxestades protagonizarán a tradicional recepción nos exteriores do Belén Artesanal en Movemento
Os Reis Magos de Oriente estarán en Valga este venres, día 5, con motivo da tradicional recepción que todos os anos se lles ofrece nesta vila nos exteriores do Belén Artesanal en Movemento. Melchor, Gaspar e Baltasar, aseguran dende o Concello, están impacientes por saudar a todos os rapaces valgueses e cumprir os seus desexos na xornada máis máxica do ano e por iso o Concello ten preparada unha tarde chea de actividades para a cativada.
Deste xeito, a partir das cinco da tarde haberá inchables e obradoiros para que os nenos poidan divertirse mentres agardan a chegada das Súas Maxestades. Servirase tamén chocolate con churros gratis para todas as persoas que se acheguen a recibilos neste punto.
A chegada da comitiva real está prevista para as seis da tarde, aproximadamente. O alcalde, José María Bello Maneiro, será o encargado de darlles a benvida a Valga e, a continuación, entregaranse os premios do XXII Concurso de Beléns organizado polo Concello.
Despois, explican dende o consistorio de Valga, chegará o momento máis agardado por todos os nenos, que poderán subir a saudar a Melchor, Gaspar e Baltasar. Os Reis Magos entregaranlles un pequeno agasallo como anticipo de todos os que atoparán nos seus fogares na mañá do día 6. Será entón cando as festas do Nadal se despidan ata dentro de doce meses.
La Voz de Galicia
0 comentarios