E Padrón volveu á Idade Media.
Arañeira Informática, Restaurante O Secreto e Deportes Estornela, premiados como comercios mellor engalanados.
Nas rúas houbo récord de postos de venda.
Todo facía prever que ía ser un éxito e non defraudou. A Feira Medieval de Padrón ateigou as rúas da localidade de veciños e visitantes que puideron gozar do sinfín de actividades programadas na XVII edición do tradicional mercado, ao que lle puxo o broche de ouro o vistoso espectáculo de lume Andanadas.
Tamén o comercio local quixo amosar o seu compromiso coa Feira Medieval mimetizándose co ambiente que creou o mercado e participando no concurso deseñado polo Goberno local para premiar os establecementos mellor engalanados.
Á entrega de premios asistiu tamén a responsable de Iacobus Xestora de Eventos, empresa que coordinou a Feira Medieval, que, xunto a Campos e Mariño, entregoulle o seu premio á propietaria do Restaurante O Secreto. Arañeira e Estornela recibirán o seu galardón este luns.
Entre os momentos máis espectaculares do programa de actividades destacou tamén o espectáculo da compañía Troula, que percorreu as rúas cos seus diaños e co lume como elemento protagonista. Tamén na praza de Macías houbo unha exhibición de acrobacias moi aplaudida.
A sorpresa saltaba pouco antes da medianoite do sábado, cando se proxectaba un vídeo sobre a fachada do convento do Carme no que lume, cabaleiros e dragóns foron os protagonistas, e que se puido ver ata a unha da madrugada.
Cabe destacar que na edición deste ano rexistrouse a maior cifra de postos de venda participantes acadada ata o de agora, con máis de 120 artesáns e feirantes e 30 en lista de agarda. Tralo éxito alcanzado, a organización comeza a pensar xa na feira do vindeiro ano.
El Correo Gallego
0 comentarios