Valga celebra o Samaín con relatos de medo e un obradoiro para fabricar mostros en 3D.
A programación de Defuntos inclúe tamén un concurso de cabazas decoradas e unha festa con chocolatada
Coa proximidade de novembro, o calendario tradicional galego prepárase para unha das súas citas tinguidas de vermello: a celebración de Defuntos e Todos os Santos e a súa versión máis fantasmagórica e divertida, coa programación de Samaín.
Polo que respecta a Valga, a programación do Samaín ábrese cun concurso de relatos de medo dirixido aos alumnos de Primaria dos colexios de Baño-Xanza e o Xesús Ferro Couselo. Cada rapaz pode presentar unha obra, escrita en galego, orixinal e inédita, cunha extensión máxima de tres folios escritos por unha soa cara e asinados cun pseudónimo. Presentaranse nun sobre pechado, e noutro sobre grampado a este figurarán os nomes, apelidos e curso do seu autor.
O 25 de outubro, ás seis e media da tarde, o auditorio acollerá Onde viven os monstros, unha sesión de monicreques. Atención ao día 29, porque a Aula Cemit desenvolverá, entre as catro e as seis da tarde, un obradoiro de impresión de 3D ideado coma unha factoría de monstros tridimensionais. Dende o 28 ata o 31 poderán depositarse no auditorio cabazas decoradas para o tradicional concurso. E, por fin, o mesmo 31 haberá unha festa con disfraces e chocolatada gratuíta.
La Voz de Galicia
0 comentarios