«El señor don Gato»: a canción infantil da cesureña Manuela Mougán Castelao que tamén se conserva no FMT

Segunda entrada da serie adicada ao Fondo de Música Tradicional (FMT) do Instituto Milá i Fontanals (IMF-CSIC), o maior arquivo en liña con base de datos de música de tradición oral do mundo hispánico, con máis de 61.000 pezas recopiladas principalmente en España durante o século XX. E volvemos á mesma autora e ao mesmo ano: Manuela Mougán Castelao, veciña de Pontecesures, que en 1956, cando tiña 65 anos, ditou outra das súas pezas: a canción infantil «El señor don Gato» (1ª versión).
Nesta ocasión a peza catalogouse como corro e anotouse en Moderato, coa letrinha que tantas veces se cantou: «está el señor don Gato…, por su ventana sentado» — unha das cancións infantís máis populares da tradición hispánica, con infinitas variantes de pobo en pobo.
A nota a man dos cadernos recolle de novo a cadea de memoria: «Dictada por Manuela Mougán Castelao, 65 años, campesina de Pontecesures, quien la oyó de su abuela». Se no alalá da entrega anterior o canto viña de seu avó, esta vez foi a súa avoa quen llo transmitiu — dous fíos familiares que levan estas melodías moito máis atrás de 1956.
No mesmo pliego consérvanse outras pezas de corro recollidas a nenos e nenas doutras vilas galegas, con nome, idade e oficio de quen as cantaba e de quen as escoitara: exactamente o tipo de anotacións que converten estes cadernos nun arquivo vivo da música popular.
Como toda peza do fondo, conta con ficha técnica completa, co seu contorno melódico: +5=0+3+4-2-2, a sinatura que resume o debuxo da melodía, nota a nota.
0 comentarios