Máis de 8.000 persoas da comarca soportan exceso de ruído das estradas da Xunta: a PO-548 de Pontecesures, entre as máis sinaladas

Unhas 8.000 persoas da comarca están expostas a niveis de ruído superiores aos recomendados por mor do tráfico nas carreiras autonómicas, segundo os novos mapas estratéxicos de ruído da rede de estradas da Xunta que recolle Faro de Vigo.
O estudo identifica 288 tramos de carreiras autonómicas en Galicia con exceso de ruído e, deles, arredor do 20 % están na comarca do Salnés, o que sitúa a zona entre as máis castigadas da comunidade pola contaminación acústica.
Para Pontecesures o dato máis relevante é que a PO-548, a estrada que une a vila con Vilagarcía, aparece entre as vías sinaladas no informe, xunto á PO-531 (Vilagarcía–Pontevedra), que é a que presenta máis zonas con poboación afectada polos niveis acústicos elevados.
Os mapas estratéxicos de ruído son a ferramenta coa que a Administración detecta os tramos onde fai falta actuar para reducir o impacto acústico sobre as vivendas próximas.
Fonte: Faro de Vigo