O Concello busca aos titulares descoñecidos de 222 fincas: prazo de 15 días para limpar ou multas de 900 euros por hectárea
O Concello de Pontecesures comunicou por boletín aos titulares descoñecidos de 222 fincas a súa obriga de limpar a vexetación e retirar as especies arbóreas prohibidas, co obxectivo de previr os incendios forestais. Trátase de parcelas inspeccionadas o 4 de agosto de 2026 nas que non se estarían a cumprir as obrigas de xestión da biomasa vexetal establecidas pola lexislación galega.
O anuncio avalía o coste subsidiario destas labores entre 2.051 e 0,86 euros: a parcela que superaría os 2.000 euros en tarefas de posta a punto ten 0,578 hectáreas, mentres que a máis pequena é de apenas 5 metros cadrados. A suma das liquidacións provisionais ascende a 17.611 euros, aínda que a cifra non equivale necesariamente ao coste definitivo, que se determinará, no seu caso, unha vez realizados os traballos.
As persoas responsables dispoñen dun prazo máximo de 15 días naturais, contados dende o día seguinte á recepción da notificación, para cumprir voluntariamente as tarefas requiridas. O Concello lembra ademais que a xestión da biomasa debe realizarse antes de rematar maio de cada ano e que, se persiste o incumprimento, as obrigas dos anos seguintes deberán completarse antes do 1 de abril.
Se non se atende o requirimento, a Administración poderá impoñer multas coercitivas cada tres meses de 900 euros por hectárea non xestionada —aplicando a parte proporcional cando a superficie sexa inferior a unha hectárea, cun mínimo de 100 euros—, ademais de executar subsidiariamente os traballos de limpeza e reclamar o seu coste aos responsables, e retirar as especies arbóreas prohibidas cando corresponda. O anuncio advirte igualmente de que o incumprimento pode dar lugar a un procedemento sancionador.
Fuente: El Correo Gallego (Marcos Manteiga Outeiro)