Aprende galego desde cero: do 9 ao 20 de novembro o Concello acolle o Curso de Introdución á Lingua e á Cultura Galega

Queres aprender galego e coñecer mellor a nosa cultura? O Concello de Pontecesures acolle do 9 ao 20 de novembro o Curso de Introdución á Lingua e á Cultura Galega, unha oportunidade para achegarse ao noso idioma desde cero, gañar confianza á hora de utilizalo e descubrir a riqueza cultural de Galicia.
O curso celebrarase na Aula Semisoto do Concello, de 19:00 a 21:00 horas, cunha duración total de 20 horas presenciais. Está dirixido principalmente a persoas non galegofalantes que queiran iniciarse no galego ou mellorar as súas competencias lingüísticas, así como a todas aquelas persoas maiores de 16 anos interesadas en coñecer mellor a cultura do país.
Ao longo das cinco unidades didácticas traballaranse contidos prácticos de fonética (os sons do galego e a pronuncia), gramática (estruturas básicas para comunicarse en situacións cotiás), léxico útil (vocabulario para o día a día) e cultura galega (a historia da nosa lingua e a riqueza cultural de Galicia). Ao rematar, entregarase un diploma acreditativo do curso.
Máis información e inscrición nas oficinas do Concello. Tamén se pode consultar no correo emprego@pontecesures.org ou nos teléfonos 986 564 403 e 986 557 125.
Fuente: Concello de Pontecesures