O PP de Pontecesures e o 25N.
A 24 horas do 25N, o silencio institucional do Goberno local de Pontecesures fala por si só.
Mentres os concellos veciños levan semanas traballando, programando actividades e informando á cidadanía co gallo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, en Pontecesures temos un baleiro absoluto en materia de igualdade.
Resulta especialmente rechamante que a única actividade publicada polo Concello para este 25 de novembro sexa un obradoiro de xabóns artesanais. Con todo o respecto polo traballo artesanal, parece que a estratexia deste Goberno municipal ante unha lacra social tan grave consiste literalmente en lavar as mans.
Non fai falta ir moi lonxe; abonda con mirar ao noso arredor para ver a diferenza entre xestionar con rigor e deixar pasar o tempo:
En Valga, levan desde mediados de mes desenvolvendo un programa completo de sensibilización e prevención nos centros educativos e culturais.
En Padrón, levan días difundindo actos educativos, culturais e convocatorias de homenaxe abertas á veciñanza.
En Moraña, manteñen activa a súa mensaxe institucional e o traballo de concienciación coa veciñanza ao redor desta data.
A igualdade e a loita contra a violencia cara ás mulleres non se defenden cunha publicación apurada a última hora para cubrir o expediente, nin se despachan cun taller de xabóns. Requiren previsión e compromiso, recursos, traballo previo e, sobre todo, vontade de xestión.
Que a estas alturas non haxa nin rastro dunha programación específica de sensibilización non é un simple despiste: é a mostra evidente da desidia e da falta de iniciativa dun Goberno municipal que deixa pasar datas fundamentais sen ofrecerlle á veciñanza un compromiso real.
Como mostra de que outra forma de xestionar é posible, deixamos aquí algunhas imaxes de anos anteriores nos que, baixo gobernos do Partido Popular, Pontecesures si contaba con programación, actos institucionais e implicación real da veciñanza arredor do 25N.
Desde o Partido Popular de Pontecesures cremos que a erradicación da violencia contra as mulleres esixe un compromiso firme, serio e constante por parte das institucións máis próximas á cidadanía. Os nosos veciños e veciñas merecen un Concello activo, que traballe con planificación e que estea á altura da gravidade desta lacra social. Nesta loita non vale mirar cara a outro lado nin chegar tarde.



POPULARES DE PONTECESURES