Produto financeiro.

TI?AN o costume de saír cear con amigos unha vez á semana, logo dúas veces no mes e últimamente a cita xa se vai rareando por razóns evidentes para todo o mundo. Con todo, procuran esquecer o medo que se respira no ambiente porque, se ben o miran, eles, que gozan de bos e seguros empregos, son uns privilexiados. A última vez, o mes pasado, entraron no restaurante e sentaron no lugar que lles tiñan reservado. Pouco despois chegaron cinco persoas que se colocaron nunha mesa preparada para seis comensais. Durante algo máis de cinco minutos quedou baleiro un dos asentos e mentres tanto os demais foron mirando os menús que lles fora entregando o camareiro.

Despois todo pasou moi rápido e ninguén sabería explicar como se iniciou aquel barullo que se formou. Polo visto, nada máis entrar o sexto comensal que faltaba para completar a mesa, alguén comezou a sinalalo co dedo e a facelo responsable dalgún dos problemas que sofre o país. A seguir, escoitáronse insultos, aillados ao primeiro, unánimes despois. Parecía coma se o resto da xente que estaba no comedor se fora quentando até que os improperios se fixeron tan xerais que aquelas seis persoas non tiveron máis remedio que erguerse e saír por onde entraran.

Logo viñeron os comentarios. Aquel home fora un dos máximos responsables dunha das caixas e marchara para a casa cos petos ben cheos. Logo, comezaron a enumerar as falcatruadas que toda aquela xente estivera facendo sen que houbese quen lle puxese freo. Un dos amigos que estaba ceando contoulles o caso duns tíos seus, moi maiores xa, que se viron enganados coa oferta dun novo produto financeiro que, segundo lles explicaron, era completamente seguro porque poderían recuperar os cartos cando quixesen. Non só non gañaron nada, senón que agora que necesitan amañar a casa porque lles chove dentro, non poden botar man deses poucos aforros que foran xuntando nos seus moitos anos de traballo. E o director que os atendera na súa oficina de toda a vida desapareceu coma se o tragase a terra.

Xavier Senín (Escritor)

EL CORREO GALLEGO, 13/02/12

Paso do topo do gas entre a Rúa Fontaíña e a Avda dos Namorados

No día de hoxe a empresa CCS, subcontratada por Gas Natural, comezou co paso do topo por debaixo da vía, para poder enlazar as tuberías da Avda dos Namorados coas que se instalarán na Rúa Fontaíña.

A realización dista obra provocará o corte da Rúa Fontaíña por uns días.

Dende o Equipo de goberno queremos pedir disculpas ós veciños afectados polas obras agradecendo  a súa comprensión.

O Furia de Campaña xogará en Pontecesures seis partidos máis.

O pasado 7 de febreiro, Xenaro Barreiro Ferro en representación do “Furia Athletic Club” solicitou a utilización no campo “Ramón Diéguez” para xogar os partidos dos días 12 e 26 de febreiro; 19 de marzo; 1 e 24 de abril e 6 de maio ante a imposibilidade de poder utilizar as instalacións municipais no Concello de Valga nas debidas condicións.
Por decreto do alcalde de Pontecesures de 10/02/12 autorízase o uso do “Ramón Diéguez” para celebrar os seis encontros de fútbol.
Lémbrase que o Furia xa xogou en Pontecesures 4 encontros por ter clausurado o campo por sanción federativa.

Non se urbaniza o espazo vinculado a unha licenza na rúa Novo Núñez de Pontecesures.

Na rúa José Novo Núñez (estrada N-550), a poucos metros da Casa do Concello esta practicamente rematada, dende hai tempo, unha construción que conta coa correspondente licenza. Coa obra fai danada de consideración a beirarrúa da nacional e foi instalado un valado que leva unha chea de tempo e que se atopa nunhas condicións lamentables como se aprecia na fotografía.

O estado da beirarrúa xa motivou algunha caída ao desprenderse a tapa dunha arqueta e o valado transmite unha imaxe estética negativa, ocasiona problemas de salubridade e impide o uso dun espazo que ten que ser cedido ao concello polo promotor para formar parte do dominio público local.

Ante esta situación, pregase tanto ao alcalde como ao concelleiro de obras e urbanismo, Ángel Souto, que se fagan todo tipo de xestións para que se urbanice o espazo cedido, se constrúa a beirrarúa e se retire dunha vez ese valado que motiva as queixas tanto de peóns como de conductores de vehículos.

Pontecesures, 11/02/12

Luis Ángel Sabariz Rolán
Concelleiro ACP de Pontecesures