Vinte citas que farán de Pontecesures un gran laboratorio de fotografía.

Publicado por Redacción o

Exposicións, charlas e talleres encherán a vila durante o mes de outubro

Rosi Pardal e Laura Paz son desas persoas que decidiron convertir a súa paixón no seu traballo. Así que son fotógrafas de profesión e por devoción. Hai case un ano abriron en Pontecesures o seu estudo, Chíscame un ollo: un lugar dende o que axudan á xente a fixar recordos, a inmortalizalos en imaxes. No novo estudo non tardou en prender outra idea: desenvolver todo un proxecto de difusión dos valores da fotografía. Así naceu Chiscarte, unha ambiciosa proposta cultural que se vai desenvolver ao longo do mes de outubro na pequena vila deitada a carón do Ulla.

Chiscarte é unha colección de oportunidades tanto para quen sabe como facer unha foto como para quen, simplemente, goza vendo esas imaxes. Entre o antigo matadoiro e o centro social cesureños, desenvolveranse máis de vinte eventos entre charlas, exposicións e talleres. O programa, cheo de referencias e referentes, desenvolverase nas fins de semana de outubro. Trece días nos que se brinda a oportunidade de coñecer a grandes figuras como a da documentalista Judith Prat, que impartirá un taller sobre foto, memoria e contranarrativa. Ou Rafa Badia, co que se poderá traballar sobre o concepto de fotografía de rúa centrado na observación, a luz, o encadre; ademais de Silvia Ayerra, que abordará a fotografía como ferramenta de autocoñecemento. Ou Marcos Rodríguez, que entende a fotografía como unha forma consciente de mirar e comprender o mundo. Completan o elenco de artistas invitados Mar Hausmann, cunha formación práctica sobre intelixencia artificial; Roberto Aguirrezabala, cun obradoiro de creación de libros; Tono Arias que falará de proxectos editoriais; Brais Lorenzo, cun obradoiro práctico de reportaxe fotográfico; Ana Palacios que reflexionará sobre a creación de narrativas a través das imaxes e Andrea Fernández, responsable do proxecto creativo La Platanera, de A Illa.

Ademais destes atractivos obradoiros, haberá presentacións de libros, proxeccións… Nun territorio tan fértil, é fácil que xurdan novas ideas. E iso parece ser que vai pasar aquí. O día 24 de outubro preténdeselle comezar a dar forma a Arxila, «un proxecto fotográfico colaborativo para recuperar a memoria da antiga fábrica de cerámica de Pontecesures». O encontro está aberto a todas aquelas persoas que desexen colaborar nesta iniciativa, que encaixa no tempo cos plans que o Concello de Pontecesures ten en marcha para por en valor a historia e o legado da Cerámica Celta, unha das aventuras culturais e estéticas máis deslumbrantes da historia de Galicia e que tipo como escenario a Pontecesures de cen anos atrás.

Diario de Arousa

Categorías: Sin Categoria

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.